A Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes, informa de que o Xulgado de Primeira Instancia número 9 de Vigo acaba de emitir un auto que anula os acordos adoptados pola Asemblea da Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral en novembro de 2019 para ratificar o convenio co Real Aero Club de Vigo, asinado para a cesión por 30 anos dos terreos do campo de golf, e os contratos de aluguer con Aeroparking-Vigo e Xealco.
A resolución é un complemento doutra ditada recentemente polo mesmo Xulgado que obriga a esta comunidade de montes a readmitir a 15 comuneiros expulsados hai catro anos, dado que na primeira sentenza obviouse o pronunciamento sobre eses outros acordos asemblearios.
“Votación artificiosa”
O Xulgado entende que “o sistema de votación empregado naquela reunión por Luis Rodríguez, o presidente comunal, xa fora considerado anteriormente polos tribunais como unha votación artificiosa”. En concreto refírese a cuestións como que se computaran como favorables votos non emitidos ou de comuneiros que non se pronunciaran expresamente sobre os acordos. A lexislación, segundo puntualiza expresamente a sentenza, esixe que se contabilicen votos emitidos, non presuntos votos.
Invalidado por segunda vez
Dáse a circunstancia, engaden dende a Plataforma, de que “o convenio co Aero Club fora xa avalado por unha asemblea anterior a aquela, celebrada no ano 2017, pero o xulgado, co respaldo posterior da Audiencia Provincial, invalidara tamén aquela votación por falta de quorum“. Esta nova sentenza deriva dunha demanda interposta por comuneiros contrarios á xestión de Luis Rodríguez.
Protestas
Pola súa parte, a Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes, que convocou a concentración de protesta “contra as prácticas da Comunidade de Montes de Cabral”, que se desenvolveu onte fronte ao Ifevi, entende que esta última resolución xudicial “amosa unha vez máis a arbitrariedade que caracteriza a Luis Rodríguez á hora de dirixir a entidade e a impunidade coa que actúa unha e outra vez”.