O Concello de Nigrán gozará desde esta semana e ata finais de febreiro dunha completa programación de Entroido para todos os públicos. Esta comezará o sábado, día 3 de febreiro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co concerto a cargo dos acordeonistas José Manuel Castelló e Jaime Vilas seguidos por ‘Os Alegres do Val Miñor’.
Programación
O segundo sábado, día 10, terá lugar o concurso infantil de disfraces a partir das 17:30 horas tamén no Auditorio Municipal. No mesmo lugar, o martes 13, celebrarase o baile de carnaval con orellas para os asistentes a partir das 19:00 horas. A continuación, o venres 16, Nigrán vivirá o seu día grande do entroido co concurso de comparsas presentado nesta ocasión polo Rey Midas e que arrancará ás 20:30 co pasarrúas da batucada de ‘Bate no cobre’ desde Telleira ao cruce con Ceán seguido polas diferentes formacións participantes. Ddurante a deliberación do xurado actuará Proxi e, ao rematar a entrega de premios, haberá unha gran tirada de fogos de luces.
O sábado 24, día grande
Como é costume, o entroido nigranés o pechará o tradicional enterro do kiko o sábado 24 co boneco sendo tirado por unha parella de bois desde a Praza do Concello (18:00 horas) ata o torreiro de Parada, onde se lle realizará o velorio coa misa previa á incineración e se recitarán as tradicionais coplas satíricas compostas para a ocasión cada ano.
Inscrición concurso de comparsas
O Concello mantén ata o 9 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición para participar no concurso de comparsas. En total, establécense 4.150€ repartidos en 20 premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 100 euros) e cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibirán unha dotación adicional de 300 euros ata un máximo de cinco entidades (por orde de inscrición).
Bases
As bases – que están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello, no taboleiro da sede electónica ou na web municipal www.nigran.es -, mantéñense coma os anos anteriores. Así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de 10 terán que ser adultos.
Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 9 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF, DNI do presidente/a, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).
Percorrido
O Concello mantén o percorrido habitual: saída da rúa Telleira, Rosalía de Castro ata a estrada do Ceán, sendo a actuación de cada comparsa á altura da Casa Consistorial. Ao remate da última actuación terá lugar a entrega de premios. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día o desfile trasladaríase para unha nova data pendente de determinar (abriríase un novo prazo de inscrición).
O sorteo da orde de saída celebrarase o 12 de febreiro no salón de plenos municipal ás 12.00 horas. Por último, o xurado, pendente da súa designación, terá en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación, a música e o número de participantes de cada comparsa.