Galicia

Greenpeace pide aos partidos que non usen o entroido para disfrazar os seus programas con propostas baleiras

Coincidindo co inicio da campaña electoral

Greenpeace pide aos partidos que non usen o entroido para disfrazar os seus programas con propostas baleiras

Fronte ás políticas devastadoras que arrasan a natureza, a saúde e a sostibilidade da vida, Greenpeace presentou un documento coas súas propostas para poder transformar Galicia en favor do territorio, as persoas e a xustiza social. 

Propostas realistas e concretas…

Coincidindo co inicio da campaña electoral galega e a organización ecoloxista considera que é imprescindíbel falar de propostas políticas concretas e realistas para arrostrar a crise climática, a perda de biodiversidade, a crecente desigualdade e un modelo socio-económico caracterizado polo crecemento ilimitado que choca de fronte contra os límites do planeta.

As numerosas peticións, que Greenpeace remitirá aos partidos que concorren ás eleccións do 18 de febreiro, están distribuídas en oito grandes apartados que abordan a enerxía, a mobilidade, a auga, o patrimonio natural, a Galicia rural e o sector primario, o modelo de consumo, a economía social e a democracia e participación cidadá. 

…e non “cosméticas”

Vemos con desgusto que hai partidos que nos están a facer propostas moi xenéricas e mesmo cosméticas e baleiras de contido, pero non concretan que van facer nin como van abordar a crise ecolóxica e de modelo de sociedade que estamos a vivir. Necesitamos medidas ambiciosas e un xiro de 180 graos nas políticas socioambientais. Queremos convidarlos a camiñar xuntos cara a unha Galicia máis xusta en termos ambientais e sociais. Xa abonda de disfraces verdes malia que a campaña sexa no entroido.“, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. 

Isto propón Greenpeace

De entre as numerosas medidas que Greenpeace incluíu nas súas propostas para a XII lexislatura do Parlamento de Galicia cabe salientar:

  1. Enerxía: compromiso para planificar o abandono progresivo dos combustíbeis fósiles e a descarbonización da economía para 2040, reducindo a demanda enerxética á metade e establecendo un sistema enerxético 100 % renovábel, democrático e que protexa a biodiversidade.
  2. Mobilidade: aprobar unha lei galega de mobilidade sostíbel e que a vindeira sexa a lexislatura do tren e do transporte público en xeral.
  3. Auga: acabar co malgasto e a mala xestión da auga e os acuíferos, poñendo o freo á gandaría e a agricultura industriais, á contaminación urbana e industrial, e poñendo especial énfase no saneamento e rexeneración das rías.
  4. Patrimonio natural: ampliar os espazos protexidos –en especial a rede Natura– até acadar o 30 % do territorio galego para 2030, mudando o modelo forestal, creando plans de conservación de especies e aprobando unha lei de restauración da natureza.
  5. Pobos vivos: avanzar cara a unha Galicia con lugares, aldeas e pobos con todos os servizos, defendendo a soberanía alimentaria, avanzando cara á agricultura e gandaría ecolóxicas, as cadeas de proximidade e a defensa da pesca artesanal e sostíbel.
  6. Consumo: garantir unha compra pública ecolóxica, local e sostíbel, establecendo ao tempo políticas que fomenten a reparabilidade, a reutilización e o intercambio, cambiando o modelo Sogama de xestión de residuos e avanzando na economía circular.
  7. Economía: saír do marco dunha economía de oligopolios, garantindo o acceso aos servizos básicos para todas, avanzando na fiscalidade verde e fortalecendo o tecido económico da economía social, ecolóxica e de coidados.
  8. Democracia: poñer en marcha mecanismos efectivos que permitan máis e mellor participación cidadá, fomentando a toma de decisións participadas sobre asuntos de transcendencia e a transparencia na xestión pública.

Acción política valiente

Para a ONG ecoloxista, fronte a minorías que acaparan a riqueza, depredan os recursos e o patrimonio natural; escapan das súas responsabilidades democráticas; desvían a atención da opinión pública e ignoran ás futuras xeracións, é tempo de expor alternativas dende unha acción política valente, concreta e sen distraccións que nos leve a un modelo de sociedade e de economía en paz co planeta.

Cambio climático, natureza e xustiza social

As campañas electorais deben servir para que quen se presenta ás eleccións nos fale do que importa a todas as persoas, non só do que lles interesa para dar un titular resultón. Queremos tamén oír falar do cambio climático, da natureza, da xustiza social… porque nos estamos a xogar o futuro de Galicia e das vindeiras xeracións. Non queremos que a sustentabilidade sexa un simple disfrace. Necesitamos políticas, non declaracións, e que nos digan o que van facer para poder valorar cal é a mellor opción“, concluíu Manoel Santos, de Greenpeace.

También te puede interesar