Na tarde de onte unha discusión entre unha parella na praia de Cesantes levou a varios veciños que paseaban pola zona a alertar ás forzas de seguridade. Antes da chegada dos axentes a parella abandonou o lugar nun turismo que se saíu da vía provocando danos no mobiliario urbano, e o condutor deuse á fuga.
Axentes da Policía Local falaron coa muller, quen lles confirmou que mantivera unha discusión coa súa parella e que fora agredida. O home foi localizado polos axentes nas proximidades agochado nunha finca e detido. Ante os síntomas de atoparse en estado de embriaguez foi sometido ás probas de alcoholemia cun resultado positivo de 0.79 e 0.81mg/l. Ao non ter permiso de conducir en vigor tamén está investigado por dous presuntos delitos cotra a seguridade viaria.
Na intervención tamén participou a Policía Nacional, que se fixo cargo do traslado do detido ao centro médico e posteriormente a comisaría.
Excarcelados
Tamén onte, os Bombeiros de Valdeorras excarceraron a dúas persoas que quedaran atrapadas no interior du vehículo que rematou envorcado. Segundo a información recibida no 112 Galicia, o seu estado non parecía revestir gravidade.
Varios particulares informaban do accidente ao fío das 20:00 horas. Indicaban que se trataba dun choque entre dous turismos, que un deles envorcara e que había dúas persoas maiores no seu interior que non podían saír, pero que semellaban atoparse ben.
Con estes datos, mobilizouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros e membros do GES de Valdeorras, axentes de Tráfico, Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a excarceración dos dous ocupantes, que foron trasladados ao hospital