O mes de xaneiro pasado foi o máis cálido dos últimos 57 anos. Segundo o avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, sí que foi normal no que respecta ás precipitacións.
En concreto, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.
“Extremadamente cálido”
No que atinxe ás temperaturas, a anomalía media da temperatura para este mes, obtida a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi 1,9 graos superior ao valor normal climatolóxico, o que fai que xaneiro poida considerarse como extremadamente cálido. De feito, o pasado mes ocupa a segunda posición na serie histórica 1961-2024, tendo como único precedente máis cálido o mes de xaneiro de 1966.
Unha temperatura máxima media de 12,5 graos
Máis polo miúdo, o valor medio da temperatura máxima foi de 12,5 graos e no caso da mínima foi de 5,2 graos. Os índices máis altos –entre 15 e 15,5 graos- rexistráronse nas comarcas costeiras do Baixo Miño, golfo Ártabro e Mariña lucense e os máis baixos -entre 1,5 e 2,4 grados- foron nas zonas montañosas de Ourense.
Precipitacións
Da análise das precipitacións conclúese que xaneiro foi un mes normal xa que as sucesivas borrascas dos primeiros día do ano, como Henk, Hipólito ou Irene, deixaron cantidades apreciables e de xeito moi xeneralizado. Así, a precipitación media acumulada foi de 179 l/m 2 , un 5% superior ao valor climático normal.
En canto á distribución das chuvias, os valores máis altos concentráronse nas serras litorais -entre 300 e 360 l/m2- mentres que os máis baixos se rexistraron no canón do Sil, no sur de Lugo e en puntos da comarca da Coruña.