Galicia

O BNG defende un sistema público de coidados con máis recursos para atender a discapacidade

Garantindo unha atención integral

O BNG defende un sistema público de coidados con máis recursos para atender a discapacidade

O Bloque Nacionalista Galego defende un sistema público galego de coidados que destine máis recursos á atención da discapacidade. Así se comprometeu a candidata viguesa Carmela González, despois de manter este mércores unha reunión con representantes e usuarios da Asociación de Familias e Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e o concelleiro, Filipe Abalde.

Atención integral

“Un Goberno galego presidido por Ana Pontón a partir do 18 de febreiro blindará os dereitos e garantirá a atención integral para o 10% das galegas e galegos que teñen algún grao de discapacidade”, destacou González, avanzando a creación dunha Lei galega para as persoas con discapacidade elaborada en diálogo coas entidades do sector para que sexan as “protagonistas” do cambio do actual modelo do PP que “só beneficia ás súas empresas amigas que fan negocio cos coidados”.

Nese obxectivo, a candidata nacionalista anunciou tamén a posta en marcha dun Consello Galego de Persoas con Discapacidade, como órgano de participación e debate para o deseño das políticas. “O cambio galego non vai deixar a ninguén atrás, cunha Galiza sen barreiras na que as persoas con discapacidade teñan garantidos todos os seus dereitos”.

Servizo Galego de Benestar

Dende o Bloque enmarcaron estas medidas na proposta de constituír un Servizo Galego de Benestar, cun papel similar ao que xoga o Sergas na sanidade, para reforzar e alargar os servizos sociais que presta a Xunta de Galiza. Un servizo no que se integrará para a xestión pública directa tanto as residencias de maiores, como os centros de atención ás persoas con discapacidade, os centros de día e o Servizo de Axuda no Fogar.

Maior apoio ás entidades

Na mesma liña incidiu o portavoz municipal do BNG en Vigo, quen comprometeu un maior apoio para entidades como Apamp “que prestan un servizo público impagábel” garantindo o financiamento público que necesitan. “É o momento de pasar das palabras aos feitos, é o momento de poñermos máis recursos en lugar de apenas discursos, principiando por coidar a quen coida”, salientou.

Igrexas asegurou que este 18 de febreiro hai unha “oportunidade histórica” para poñer en marcha un Goberno galego que deixe atrás as políticas “asistencialistas” do PP durante os últimos 15 anos. “O BNG apostamos por modelo de xustiza social e inclusión con políticas que poñan ás persoas no centro”, destacou.

También te puede interesar