A candidata á Presidencia, Ana Pontón, presentou hoxe na cidade as propostas de goberno do BNG en materia laboral, entre as que destacou a creación dun centro de reparacións do naval na ría de Vigo.
Aproveitar o coñecemento da cidade para crear emprego
Nun encontro con delegadas e delegados sindicais da industria e a automoción en Vigo, Pontón advertiu da “situación límite” na que se atopa o sector, despois de que o Goberno do PP deixara caer unha parte moi importante do seu tecido. “Nós queremos levantalo”, afirmou para defender a creación do centro de reparacións ante a caída de novos pedidos que sofre a construción naval.
“Se nos introducimos nese mercado das reparacións e as transformacións de buques, imos ser capaces de aproveitar toda a infraestrutura e todo o coñecemento que temos en Vigo para crear emprego”, explicou.
Automoción
A candidata nacionalista tamén sinalou ao da automoción como outro dos sectores que necesita un apoio importante, especialmente para enfrontar o reto da electrificación “gañando capacidade produtiva aquí”. Neste sentido, considerou clave que haxa unha rede de pequenas e medianas empresas, que non dependa única e exclusivamente dunha empresa matriz, senón que se poida “posicionar en novos mercados e en novos ámbitos produtivos” para fortalecer tamén a creación de emprego.
Con estes obxectivos, Pontón avanzou que un goberno BNG porá en marcha a Mesa da Automoción porque, segundo subliñou, “sabemos que é clave sentar a todo o sector e poñernos a traballar para enfrontar ese gran reto de futuro“ e para afianzar a automoción, clave non só na economía de Vigo, senón na economía galega, dado o peso que ten no PIB e o nivel de emprego.
Participación o día 18
A líder do BNG aproveitou o encontro para facer un chamamento á participación masiva o 18F da xente que quere abrir un tempo novo cun cambio no Goberno da Xunta que só será posible, asegurou, se o voto inconformista acude ás urnas coa papeleta do BNG. “Da igual que o que votaran noutras ocasións, ou como é a súa maneira de sentirse galegos. Se todas as persoas que queren unha Galiza mellor votan Bloque, haberá cambio”, proclamou.
No ecuador da campaña electoral, a candidata dirixiuse á maioría social que desexa abrir un tempo novo para pedirlle a oportunidade de ter, da man do Bloque, un goberno “que vai pensar na xente deste País e vai apostar porque os traballadores e as traballadoras teñan condicións dignas de traballo”, deixando atrás 15 anos dun goberno do PP no que a precarización laboral foi a máis até o punto de que hoxe miles de galegos e galegas non chegan a fin de mes aínda tendo un emprego. “O resultado das políticas do PP é que cada vez hai máis traballadores pobres”, censurou.
Fronte ao “modelo de precariedade”, con salarios baixos e peores condicións de traballo, que deixa o PP, Pontón avanzou que o BNG aposta pola calidade do emprego e unha economía baseada na ciencia e na innovación, na que os mozos e as mozas non se vexan obrigados a emigrar porque aquí non teñen oportunidades. Unha economía na que, destacou, a industria recupere peso e Galiza sexa capaz de atraer investimentos para crear riqueza e un futuro mellor.
Plan de reindustrialización
Pontón anunciou, neste sentido, que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan de reindustrialización nunha aposta decidida pola ciencia e a tecnoloxía. “Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro”, asegurou.
A candidata nacionalista aproveitou a xuntanza -na participou tamén o número un da lista por Pontevedra, Luís Bará, e a candidata Carmela González- para expoñer as principais medidas do BNG para reflotar a industria galega, un sector no que se perderon 27.600 empregos dende o ano 2009 e no que “quedaron polo camiño” -denunciou- centros de pequenas e medianas empresas dedicadas á automoción, o naval ou a enerxía, entre outros ámbitos industriais.
Crear 12.000 empregos
Por iso o BNG propón o Plan e Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industria que ten por obxectivo aumentar en seis puntos o peso da industria no PIB, até chegar ao 23 %, e crear 12.000 empregos no período 2024-2030. Trátase dun plan enfocado a pequenas e medianas empresas (PEMES) con proxectos a longo prazo e que sexan capaces de establecer redes de cooperación con outras empresas locais e con capacidade de internacionalización.
Para o seu desenvolvemento será fundamental o impulso da ciencia e a innovación e, neste sentido, a candidata avanzou que co Bloque no goberno da Xunta aumentará o gasto en I+D+i, co obxectivo de destinar o 3 % do PIB no 2030. “Hoxe Galiza ten un investimento neste eido de 233 euros por habitante, un 40 % menos que a media do Estado”.
Se as empresas marchan, devolverán as axudas
Pontón advertiu da necesidade de frear a deslocalización de empresas e avogou por facer de Galiza un territorio atractivo para o investimento a través, por exemplo, de máis solo industrial e trámites máis rápidos para que as empresas se poidan instalar aquí.
Ademais, anunciou que co BNG na Xunta as empresas que recibiron axudas públicas nos últimos oito anos e decidan marchar do País estarán obrigadas a devolver eses recursos á Administración, “porque non pode ser que os utilicen exclusivamente para o seu beneficio e logo deixen tirados ás traballadoras e traballadores do País”.
O medo de Rueda
Por último, Pontón tamén se referiu aos debates electorais e á negativa do Partido Popular e o seu candidato, Alfonso Rueda, tanto a manter un cara a cara coa líder da oposición, como a acudir ao debate electoral de TVE. “Pasamos dunha campaña na que o PP quería ocultar as súas siglas a unha campaña na que quere ocultar ao seu candidato”, reprochou.
A líder nacionalista advertiu que a quen lle dan plantón o PP e Rueda non é ao BNG, senón a Galiza e aos galegos e ás galegas que, segundo recalcou, “merécense candidatos e candidatas que estean dispostos a debater”.
“Eu vou estar nese debate e pregúntome por que o PP quere ocultar ao señor Rueda e non quere participar”, concluíu.