A Empresa de Servicios Agrarios Galegos (Seaga) vén de comezar a plantación de 25.000 árbores autóctonas para a reforestación das marxes das vías de altas prestacións da península do Morrazo: a autovía (AG-46), o corredor (CG-4.1 e VG-4.6) e o ramal de acceso a Cangas (VG-4.5).
Esta intervención constitúe a fase piloto da Estratexia de estradas verdes que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros.
Bidueiros, abeleiras, freixos, pradairos, sorbus e carballos
Os traballos comezaron nos pasados días coas tarefas previas de preparación do terreo pola zona do enlace da Ameixoada, polo que agora estase a comezar xa coa plantación das primeiras árbores frondosas, entre as que haberá bidueiros, abeleiras, freixos, pradairos, sorbus e carballos.
De cara a vindeira semana, as actuacións vanse a continuar polo ramal de acceso a Cangas desde a autovía do Morrazo (VG-4.5.). Neste caso, procederase á roza, sementarase a continuación o terreo con herbáceas para dificultar o crecemento da vexetación invasora e, finalmente, rematarase coa plantación de frondosas.
Así, o ciclo de traballo que se levará a cabo en todo o ámbito da actuación do Morrazo comezará pola eliminación das especies exóticas invasoras; logo, dotaranse as marxes desta autovía e os ramais dunha cuberta vexetal e finalmente, procederase á repoboación con especies de frondosas autóctonas.
Estas tarefas completaranse con traballos de mantemento e consolidación nos primeiros anos, que inclúen rozas, eliminación de rebrotes ou reposición de plantas.
5.600 toneladas de CO2 menos
O remate dos traballos permitirán a implantación final de 25.000 especies frondosas autóctonas nas marxes da autovía do Morrazo, o que permitirá a absorción, ao final dun período de permanencia estimado de 35 anos, de 5.616 toneladas de CO₂.
Protección fronte aos incendios
As actuacións obxecto deste proxecto teñen como obxectivos incidir na protección fronte aos incendios; gañar en eficiencia na conservación das vías autonómicas e avanzar cara á neutralidade en carbono nas estradas.