O candidato do Partido Socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a que a o Goberno galego participe na reforma do Estadio de Balaídos. Besteiro, que participou nun mitin en Vigo, arroupado polo presidente do Goberno Pedro Sánchez, apostou, ademáis por unha Galicia “forte, moderna e sen complexos” que estea “conectada con España e Europa”.
Galicia imparable
Diante de 1.600 persoas que ateigaron o auditorio Mar de Vigo, o candidato socialista reivindicou unha Galicia “imparable” que supere a “parálise” dos 15 anos de goberno do PP para reactivar o emprego de calidade e a industria garantindo “máis prosperidade” e que blinde os servizos públicos, ofrecendo “máis Dependencia, máis igualdade, máis dereitos e ambición de país”. Subliñou que “a nós preocúpanos a Lei da Dependencia, non a independencia”, e dixo que os socialistas “non temos que ocultar o que realmente somos”.
Ironizou con que “chamarse Rueda e ser inmóbil xa ten tela” e chamou a “votar socialismo para activar Galicia e que se mova” fronte á “parálise” do PP. Besteiro defendeu unha Galicia que non obrigue aos mozos e mozas a emigrar, lembrando que en 15 anos 140.000 galegos e galegas tiveron que marchar na busca de traballo.
Reclamou un goberno socialista conectado co entorno estatal e comunitario fronte ao PP que busca unha Galicia “illada, sen conexión, na que nada prospera” e fronte a “outras opcións que queren outra cousa que deben dicir claramente”.
“Haberá sorpresas“
Gómez Besteiro anunciou “sorpresas” nas eleccións do 18F e advertiu que “comeza a semana da remontada” do PSdeG, que representa “o cambio seguro, sen estridencias”. Dixo que “somos o partido para gobernar a todos e todas, non só para algúns” e ao que “Galicia lle importa e no que vai pesar” sen estar “enfadados con todo o mundo”.
Pediu o voto aos socialistas “para que haxa un cambio real en Galicia” e frear o “maltrato, a falla de impulso e o torpedeo constante” do PP a Vigo, á provincia de Pontevedra, os que menos apoio reciben da Xunta, e ao goberno do Estado. Sinalou a pasividade de Rueda e Feijóo cando o “seu amigo Milei” intentou poñer en risco á flota galega mentres “quen se activou fomos Abel Caballero, o ministro Planas, Asuntos Exteriores, Pedro Sánchez e eu”.
Lembrou o intento do PP de frear dende Madrid a liña de AVE Lisboa – Oporto – Vigo para priorizar a liña á capital do Estado mentres o candidato do PP permanecía “calado”, igual que estivo durante o mes que tardou en baixar ás praias na crise dos pélets. “Rueda baixou ás praias un mes tarde e só se lle ocorreu pedirlle ao goberno de España un submarino”, ironizou antes de subliñar que “menos mal que o Goberno de España demostrou ter sentidiño”.
Pedro Sánchez
O secretario xeral e presidente do goberno, Pedro Sánchez, criticou a “espantada” do PP e de Rueda dos debates electorais, aludindo ao debate desta semana na RTVE, e logo de sinalar que “cando un equipo de fútbol no se presenta, perde o partido e é expulsado da competición”. Dixo que a actitude do PP demostra “total ausencia de argumentos e de proxecto político para Galicia” e unha “falla de respecto aos galegos e galegas”.
Sánchez reclamou apoio “masivo” a Gómez Besteiro para que haxa “hilo directo Moncloa – Xunta”, que suporá “poñerlle a directa a Galicia nos próximos 4 anos”, logo de reivindicar os investimentos para Galicia en infraestruturas e FFCC, para o sector pesqueiro e naval ou coa moi alta tensión para Stellantis. Chamou ao “voto do cambio” a favor do PSdeG que ten demostrado a cidadanía á hora de confiar o futuro nos pobos e cidades.
Chamou a “votar en masa para mandar ao PP á súa casa” e que rematen os 15 anos de perda de oportunidades para Galicia, nos que Feijóo “o único que fixo foi triplicar a débeda pública” en Galicia, para marchar a Madrid e “en 2 anos abrirlle as portas a gobernos de coalición reaccionarios con Abascal”, deixando un balance de “mala xestión e malas compañías”.
Abel Caballero
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu o voto para Besteiro “como cidadán, como socialista e tamén como alcalde” e chamou a que “todo Vigo lle vote”, para que “sexamos unha cidade cos nosos dereitos garantidos, a forma de entendernos garantida e que poidamos falar a mesma lingua”, logo de 15 anos de maltrato do PP. Caballero amosouse seguro de que Besteiro, dende a Xunta daralle a Vigo “todo o que lle pidamos”.
Elena Espinosa
A cabeza de lista por Pontevedra, Elena Espinosa, chamou a concentrar o voto en Besteiro porque “non pode quedar ninguén na casa”. Porque “non queremos máis resignación, nin que os alcaldes teñan o desprezo do PP, non queremos máis machismo nin máis caciques, aínda que teñan cara amable”.