O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno de Abel Caballero paraliza as axudas de 205€ para libros de texto para pagar unha parte delas antes das eleccións galegas do 18F. Así o fixo público este sábado o portavoz municipal do BNG en Vigo, quen cualificou de “gravísimo e escandaloso” este novo uso dos recursos do Concello “para os intereses partidistas do alcalde”.
“Caballero prioriza os seus intereses partidistas utilizando unha axuda que se financia con recursos públicos como un desesperado gancho electoral”, reprochou Igrexas, asegurando que a día de hoxe só están validadas arredor do 25% das 19.000 solicitudes. O voceiro nacionalista explicou que, para que o Concello poida abonar as axudas xa tramitadas, ten que deixar en suspenso o procedemento administrativo das restantes, xerando así un “claro prexuízo” para a maioría das solicitantes. “Facendo que haxa así familias de primeira e de segunda”, afeou.
Becas de comedor
Igrexas lamentou que o alcalde non tivese o “mesmo apuro” para tramitar as becas de comedor, que comezaron a pagarse a finais de decembro co primeiro trimestre do curso escolar a piques de rematar. “Este feito gravísimo e escandaloso volve demostrar a permanente confusión entre partido e Concello, como se a institución municipal fose patrimonio de Abel Caballero, polo que desde o BNG temos que esixirlle que dea explicacións”, interpelou o portavoz do Bloque.
O “populismo” de Ayuso
Porén, dende o BNG reiteraron a súa oposición a este tipo de axudas que non están baremadas en función da renda de cada familia para axudar máis a quen máis o necesita. “Non hai nada máis inxusto socialmente que axudar cunha mesma contía a familias con necesidades diferentes”, asegurou Igrexas, quen tachou de “escandaloso que os fillos ou fillas de concelleiros de Goberno do PSOE, con retribucións de 60.000 euros brutos, poidan recibir a mesma axuda que familias sen ingresos ou en situación de vulnerabilidade social”.
Nese sentido, o portavoz nacionalista considerou esta decisión de adiantar o pago das axudas ás portas dunhas eleccións “unha confirmación máis do carácter demagóxico e oportunista desta medida que o alcalde copiou do populismo fiscal das becas de Isabel Díaz Ayuso en Madrid“.