A Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca) denunciou ante o Concello de Vigo a “acumulación de toneladas de xabre na zona do monte Cotogrande”, na que se atopa a “parcela na que se desenvolve o programa Verdear”, da asociación de loita contra a droga Alborada.
Estes recheos, aseguran dende a asociación, levan sucedéndose dende tempo atrás, pero nas últimas semanas “detectouse un notable incremento dos mesmos”, sen que se aprecie na área afectada indicación algunha sobre a existencia de licenza para a execución destes traballos.
Advirte ao Concello que se está a modificar a rasante e o estado natural da zona afectada
“Actuación irregular relacionada coa Comunidade de Montes”
Aveeca teme que se trate dunha nova actuación irregular relacionada coa Comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral, pois ten denunciado de xeito recorrente a esta asociación por obrar sen xestionar ningún tipo de permiso e sen ter en conta os mínimos criterios de seguridade, medio ambientais ou urbanísticos, entre outros.
No escrito dirixido ao Concello, ademais de advertir de que se está a modificar a rasante e o estado natural da zona afectada, Aveeca alerta de que xusto ao lado das verteduras hai unha torre de alta tensión, o que pode incrementar a perigosidade dos recheos.
A solicitude vai dirixida especificamente a que, no caso de confirmarse que os traballos non teñen licenza, se adopten as medidas necesarias para paralizalos e devolver a contorna ao seu estado orixinal.