A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade de Redondela informa do peche ao tráfico do camiño Fonte da Lama, entre a intersección coa N-555, á altura do Restaurante Lemos, e ata o camiño dos Frades. O camiño estará cortado ao tráfico este xoves entre as 08.00 e as 11.00 horas por traballos para a reposición de asfaltado neste treito.
Contrato dos traballos de roza
Doutra banda, o Concello de Redondela saca a concurso o contrato para os traballos de roza en todos os camiños municipais das súas 13 parroquias. Así, a empresa que se faga cargo do servizo deberá acometer todas as tarefas para manter as estradas e camiños libres de maleza. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais. A roza realizaráse dúas veces ao ano: entre os meses de abril e xuño, aproximadamente, e entre setembro e novembro.
Prazo aberto ata o 4 de marzo
O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos. As empresas interesadas e presentarse a este concurso público teñen de prazo ata o 4 de marzo.
Os traballos abranguerán a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos.
Recollida e transporte
Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.