Comarcas

O Concello de Mondariz urxe á Xunta a que cubra a praza de Pediatría

“Algunhas familias son derivadas ao Cunqueiro, a 37 quilómetros de distancia”

O Concello de Mondariz urxe á Xunta a que cubra a praza de Pediatría

A saúde non entende de cores nin é cousa tan só duns, é cousa de todas as persoas”, manifesta a concelleira de Servizos Sociais e Sanidade de Mondariz, M.ª Xosé Álvarez Rodríguez, tras a visita electoral” do conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, a Mondariz.

Falla dun pediatra

María Xosé Álvarez lamenta que “o conselleiro non informara, con transparencia e igualdade, a toda a veciñanza da situación da praza de pediatría” do centro de saúde local. “Aproveitando a súa visita puido darnos resposta aos tres escritos que este Concello lle leva enviando dende o mes de novembro pola falla dun profesional de pediatría no centro de saúde”.

Ante a inquedanza das familias e na procura de atopar estabilidade e unha cobertura sanitaria axeitada, a concelleira envioulle varios escritos, interesándose polos procesos de selección e adxudicación da praza, “a ausencia de resposta da Consellería provoca incertidume e malestar entre as familias con fillas e fillos en idade de atención pediátrica. Un feito que se suma á falla dun profesional que atenda de xeito estable ás e aos nosos pequenos”.

“Afecta á saúde de nenas e nenos”

Álvarez lémbralle á Consellería que a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de Galicia establece con claridade o dereito das persoas usuarias á libre elección do médico de familia, do pediatra e do persoal profesional de enfermaría para a prestación da atención sanitaria en Atención Primaria no ámbito do sistema público de saúde. Por este motivo esixe que se cumpra a lexislación e se dea unha resposta o antes posible.

A concelleira de Servizos Sociais considera que esta falta de atención afecta directamente á saúde e ao benestar das cativas e cativos e xera graves consecuencias, “obrigando ás familias a afrontar desprazamentos longos e innecesarios contribuíndo, incluso, a masificar as urxencias dos hospitais”.

Derivados ao Cunqueiro: a 37 quilómetros

“Cando no hai pediatra algunhas familias están sendo derivadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro situado a 37 quilómetros. Esta medida non só colapsa o servizo de urxencias do hospital senón que supón un grave inconveniente para moitas familias que carecen de medios de transporte”. Agrava esta situación a falta de horarios do transporte público.

O médico ten que ser pediatra

Dende o Concello de Mondariz solicitan que se lle informe sobre o resultado do concurso de méritos convocado e agardan que fose cuberta esta praza que se comparte co Concello de Covelo. Álvarez Rodríguez adianta que “non van admitir que a praza sexa cuberta por calquera outro especialista ou médico de familia que non sexa pediatra”.

También te puede interesar