A Área Sanitaria de Vigo unificou as consultas externas da Unidade de Psiquiatría Infanto-Xuvenil no Hospital Nicolas Peña. Así, a partir do próximo luns día 19 a Unidade emprazada no hospital Alvaro Cunqueiro vaise trasladar ás instalacións reformadas do hospital de Camelias.
O servizo de Admisión xa avisou a todos os pacientes citados ata o mes de maio deste cambio de emprazamento, que non conleva modificación algunha do día e hora de citación.
Máis capacidade
No novo dispositivo, a Unidade contará con mais capacidade, cunhas instalacións máis amplas e mellor dimensionadas para a atención destes menores, aseguran dende o SERGAS. Así, disporán do dobre de consultas, pasando das 5 do Álvaro Cunqueiro ás 10 actuais, ademais dunha sala de terapia grupal.
Segundo explica o xefe do servizo de Saúde Mental, Jose M. Olivares “o obxectivo desta reorganización é centralizar toda a atención psiquiátrica ambulatoria infantil e aproximala ao centro da cidade, ofertando así unha mellor accesibilidade e posibilitando unha maior continuidade asistencial, dado que no Nicolas Peña tamén está ubicado o Hospital de Día para estes pacientes”.
Maior especialización
Nesta liña, dende Sanidade subliñan que o novo dispositivo permitiu incrementar o persoal coa incorporación dunha enfermeira especializada en saúde mental. En total, esta Unidade será atendida por 4 especialistas en psiquiatría, 4 psicólogos, 1 enfermeira, 1 TCAE, 1 traballadora social e 1 administrativo.
Por último, esta reorganización posibilitará realizar programas especializados, con axendas médicas específicas para atender patoloxías como trastornos da conduta alimentaria ou ou do espectro autista, entre outras.
Unidade de hospitalización
Por outra banda, como informara vigoalminuto, dende o pasado 28 de decembro está en funcionamento a nova Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-Xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro. Estas novas dependencias acollen a pacientes, menores con problemas de saúde mental. Sanidade realizou un investimento total 1,3 millóns de euros nas novas instalacións que contan cun espazo de 740 m2.
Menores de 16 anos
En concreto, esta unidade, que dará asistencia específica aos menores de 16 anos con problemas agudos saúde mental, é a segunda de Galicia (existe outra en Santiago). De feito, funcionará como referencia para todo o sur da comunidade (incluíndo as áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e o Salnés, e a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras).