Comarcas

20 persoas reciben formación mentres traballan, na segunda edición de ‘Porremprego Cualifica’

En restauración, tecnoloxías da información ou xestión de arquivos

20 persoas reciben formación mentres traballan, na segunda edición de 'Porremprego Cualifica'

A segunda edición do Obradoiro de emprego Porriño Cualifica xa está en marcha. Desde o pasado mes de decembro 20 persoas reciben formación á vez que traballan.

Para a posta en marcha deste programa dual de formación e emprego o Concello do Porriño recibiu unha achega de 560.000 euros da Xunta de Galicia, á cal se suman outros 25.000 euros de achega municipal.

Áreas profesionais

En concreto, estanse impartindo dúas áreas profesionais: Restauración e Tecnoloxías da información e comunicación na administración. En ambas, o alumnado-traballador amplía o seu currículo cunha formación que combina a teoría, a práctica e traballo real desenvolvendo actividades e servizos importantes tanto para o  Concello como administración, como en beneficio da comunidade.

Mellora dos servizos municipais

“Durante un ano non só se formarán para recibir o seu certificado de profesionalidade, coas súas habilidades e capacidades contribuirán a mellorar os servizos municipais, axudarán a quen o precisa a través do comedor social, e desenvolverán un enorme traballo de xestión de documentación e arquivos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Servizos Sociais

O alumnado/traballador da rama de hostalería colaboran co Departamento de Servizos Sociais e outras entidades para establecer un servizo de comedor social que atenda a persoas usuarias do servizos sociais. Traballará tamén cos colexios para realizar almorzos saudables, elaborar menús variados poñendo en valor a importancia dunha educación alimenticia equilibrada entre os nenos e nenas dos centros educativos. Participará tamén noutros eventos e actos organizados polo Concello, ou xornadas de portas abertas para os hostaleiros da zona.

Expedientes administrativos

Pola súa banda, as alumnas e alumnos da rama de Tecnoloxías da Información e Comunicación na Administración, comezarán coa recompilación de expedientes administrativos, a administración de Documentos Electrónicos e Expedientes Electrónicos, e co Tratamento dixital dos documentos que integran os expedientes, e almacenamento e xestión da documentación en formato dixital.

También te puede interesar