Deportes

Doble conferencia de Susana Rodríguez Gacio na sede de Afundación en Vigo

Baixo o título «Constancia, cabeza e corazón»

Doble conferencia de Susana Rodríguez Gacio na sede de Afundación en Vigo

«Constancia, cabeza e corazón» é o título da conferencia que a doutora, campioa olímpica e mundial e Premio Nacional de Deporte 2023, Susana Rodríguez Gacio, ofrecerá o próximo 1 de marzo na Sede de Afundación en Vigo (Policarpo Sanz 24-26).

Programáronse dúas sesións, ás 11.00 h, para escolares e ás 19 h, para público en xeral. Os centros educativos poden inscribirse aquí e para a conferencia da tarde a reserva pode realizarse en Ataquilla.com. Tamén poderá seguirse en directo a través de Afundación Tv.

Educación en valores

A conferencia forma parte do ciclo «Educación Século XXI» da Obra Social de ABANCA que, con relatores de prestixio, ademais de abordar cuestións innovadoras no ámbito pedagóxico, incide na importancia dunha educación en valores, fomentando o respecto desde a infancia e a mocidade. E no contexto actual, cun significativo incremento dos problemas de saúde mental a idades cada vez máis temperás, adquire unha especial relevancia tratar nestas xornadas, cuestións vinculadas ao ámbito emocional.

Susana Rodríguez Gacio en la portada de 'Time'

Susana

Médica e deportista, Susana Rodríguez Gacio conta entre os seus logros deportivos a medalla de ouro en tríatlon adaptado nos Xogos Paralímpicos de 2020 en Tokio, catro campionatos do mundo e tres campionatos de Europa. As súas condicións físicas, cunha discapacidade visual severa e un corazón que require seguimento continuado e viaxar acompañada dun desfibrilador, non serían inicialmente as máis recomendadas para o deporte de alto rendemento. Pero Susana suma determinación, esforzo e paixón e asegura que «hai que manter os ollos sobre as estrelas e os pés no chan».

Portada de ‘Time’

A súa longa e exitosa carreira deportiva e o seu traballo na sanidade pública en España durante a pandemia levaron a súa imaxe á portada de ‘Time’. Como número un da clasificación mundial, Susana continúa traballando duro para alcanzar novas metas e coa súa historia e actitude ante a vida, Afundación pretende difundir novos enfoques, positivos e necesarios, que poidan servir aos escolares e ás familias como inspiración.

‘Cultura por alimentos’

Ambos os dous eventos forman parte do programa «Cultura por alimentos» da Obra Social de ABANCA que convida a todas as persoas asistentes a acudir con produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria, que depositarán nos contedores habilitados na Sede de Afundación e serán posteriormente distribuídos aos bancos de alimentos locais.

También te puede interesar