Cultura

Xa podes inscribirte para participar na xornada de ornitoloxía nas Illas Cíes

Ata o vindeiro 15 de marzo

Xa podes inscribirte para participar na xornada de ornitoloxía nas Illas Cíes

O Parque Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia impartirá no mes de abril unha xornada de
ornitoloxía dirixida a guías acreditados para afondar e dar a coñecer as distintas especies de aves presentes nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Inscrición ata o 15 de marzo

A actividade formativa, na que os interesados poderán inscribirse ata o 15 de marzo de forma gratuíta premendo AQUÍ , contará cunha sesión teórica, que será impartida en horario de mañá o vindeiro 6 de abril no Edificio Cambón de Vigo polo biólogo e máster en Restauración de Ecosistemas, Diego Rodríguez.

O curso de ornitoloxía completarase tamén cunha parte práctica, de 7 horas de duración, que se desenvolverá os días 13 e 14 do mesmo mes en Cíes, en dúas quendas de 20 persoas cada unha.
Para participar na xornada de ornitoloxía Descubrindo as aves das Illas Atlánticas ofértanse un total de 40 prazas.

Terán prioridade de acceso os guías titulados do Parque das Illas Atlánticas e en caso de non cubrirse, admitiranse tamén persoas que non conten con esta acreditación específica. De recibirse máis solicitudes, ademais de primar aos guías do parque, procederase a facer un sorteo entre todos os solicitantes.

Programa formativo

Cómpre lembrar que o Parque das Illas Atlánticas de Galicia, dentro do seu programa formativo, organiza ao longo do ano varios cursos ou xornadas de cara a ampliar o coñecemento que se ten sobre este espazo natural. O mesmo está aberto a xornalistas; operadores turísticos; Garda Civil; guías ou investigadores de diversas áreas de coñecemento.

También te puede interesar