O Concello de Vigo inicia o próximo luns 4 de marzo as “obras de seguridade e de mellora ambiental” dos taludes de Falperra, Arquitecto Palacios e Subida á Costa en Castrelos. Os traballos consistirán na eliminación das especies invasoras, que axudan a propagar o lume, como as acacias negras, que poñen en perigo a seguridade cidadá polos amplos espazos que ocupan, e porque se atopan en zonas próximas a vivendas ou estradas.
Ademais da seguridade, “a intervención mellorará a protección dos bens materiais e minimizará os riscos ante un incendio ou un temporal”.
Falperra, Arquitecto Palacios e Castrelos
No talude de Falperra as acacias negras substituiranse por árbores frondosas e especies tapizantes resistentes á excesiva exposición ao sol, á temperatura e á contaminación. Nos taludes de Subida á Costa e de Arquitecto Palacios rexenerase o chan con plantacións de árbores de menor altura que os actuais, “para reducir o efecto vela nos días de vento”.
As obras comezarán o 4 de marzo no talude de Arquitecto Palacios para continuar no de Falperra e finalizar en Subida á Costa.
Manuel Olivié, no Castro
Co fin de “evitar riscos para a seguridade cidadá ante condicións climatolóxicas adversas”, o Concello comenzará esta semana os traballos de poda previos á substitución por árbores de Ginkgo Biloba dos castiñeiros de indias da rúa Manuel Olivié, “que se atopan en peor estado”.