A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe en Vigo que a primeira proposta que BNG defenderá no novo Parlamento será que o 50% das vivendas previstas en Navia sexan públicas e construídas directamente pola Xunta para ofrecer en réxime de aluguer a prezo taxado.
“Estariamos falando de 800 pisos que terían un impacto moi positivo á hora de facilitar o dereito á vivenda e sería a base dunha gran bolsa de vivenda pública nesta cidade”, explicou.
Esta será a primeira proposta que o BNG levará ao Parlamento en canto se inicio o novo período de sesións, segundo avanzou Pontón durante o acto de presentación dos deputados e das deputadas electas en representación da cidade e de toda a provincia de Pontevedra. Un acto que a líder nacionalista aproveitou para agradecer a todos os vigueses e viguesas a confianza depositada no BNG, que se ten convertido na forza máis votada na primeira cidade de Galiza e no conxunto dos concellos da ría.
“O resultado de Vigo anticipa o futuro de Galiza”
Case un de cada catro vigueses escolleron o pasado 18-F a papeleta do BNG, salientou Pontón, para quen o resultado electoral na cidade anticipa o futuro. “O resultado de Vigo anticipa o futuro de Galiza que pasa polo liderado do BNG como alternativa ao PP”, destacou, ademais de evidenciar un profundo toque de atención ao Partido Popular.
“O PP faría moi ben en tomar nota do que pasou en Vigo, tras anos dun goberno que non escoita, que non dialoga e que confunde a súa maioría absoluta con absolutismo; nas urnas miles de vigueses e de viguesas dixeron que non están conformes co maltrato e coa discriminación que a Xunta do PP ven aplicando á cidade e, por iso, debe escoitar a todas as persoas que non pensan como o Partido Popular e debe escoitar o que Vigo dixo nestas eleccións reclamando un trato xusto e solucións aos seus problemas”, explicou.
Acción política en favor da cidade
Precisamente, reforzar a acción política do BNG a favor de Vigo foi ao que se comprometeu a portavoz nacional, aproveitando o incremento de representación no Parlamento. “Imos estar á altura do apoio recibido e redobrar esforzos para aportar solucións aos principais problemas desta cidade e da súa área de influencia”, subliñou Pontón, trasladando á cidadanía de Vigo o compromiso de traballar na nova lexislatura “con máis ganas e máis empeño que nunca para mellorar a vida dos vigueses e das viguesas”.
Ter acceso á vivenda, unha prioridade
O BNG, engadiu, trasladará ao Parlamento todos os problemas que impactan de cheo no día a día da veciñanza, de aí que a proposta para o polígono de Navia vaia ser prioritaria. “O acceso á vivenda tense convertido en misión imposible para miles de persoas, xente moza, pero tamén para familias con menos ingresos”, denunciou Pontón, para quen isto é así por unha “dobre combinación letal”: a carestía e a falta de vivenda pública.
Pontón lembrou que a subida do aluguer en Vigo superou o 50% na última década e, de feito, o prezo medio é hoxe en día un 22% máis caro que a media galega, segundo os datos do Observatorio Galego da Vivenda. Ademais, precisou, o 40% das persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida é de Vigo, 7.000 en total. E hai un total de quince barrios tensionados polos altos prezos, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
A líder do BNG destacou así a necesidade de revitalizar a construción de vivenda pública na cidade tras quince anos de goberno do PP marcados polo “abandono total”, apuntou.
Carmela Gómez, Alexandra Fernández e Brais Ruanova
Pontón garantiu que Vigo a súa área metropolitana contarán con dúas deputadas con experiencia e coñecemento das prioridades desta zona de Galiza, manifestou en alusión a Carmela Gómez e Alexandra Fernández, ás que agora se suma Brais Ruanova, que aportará “empuxe o ganas” no labor de trasladar ao Parlamento os problemas dos vigueses e as viguesas.
Frear o deterioro da Sanidade Pública
Unha das cuestións prioritarias para os grupo parlamentario do BNG será a defensa da sanidade pública, con iniciativas para frear o seu deterioro nun área na que, salientou Ana Pontón, se produciu a dimisión dos xefes e xefas de servizo da práctica totalidade dos centros de saúde.
Emprego, industria e infraestruturas
A perda de emprego e peso industrial ou as infraestruturas de conexión con Portugal que precisan un impulso serán tamén asuntos preferentes para o grupo parlamentario do BNG que, tras ser reforzado o pasado domingo, contará con máis medios para abordar todas as cuestións que importan a Vigo e a súa área de influencia, concluíu.