O Bloque Nacionalista Galego “urxe o Goberno de Abel Caballero a resolver o colapso”que padecen numerosos servizos municipais”. Así o vén de denunciar este xoves o portavoz municipal en Vigo, quen puxo o exemplo da oficina do Padrón de Habitantes, que rexistra nos últimos días longas colas dende primeira hora da mañá e non ten cita dispoñíbel até o vindeiro 4 de abril.
‘Parche das citas exprés’
Xabier P. Igrexas, subliña que “o parche das chamadas ‘citas exprés’ que se asignan por orde de chegada non resolven o problema, nin evita que haxa ducias de persoas amoreadas agardando desde ben antes das 8 da mañá na lonxa do Concello”, alertou Igrexas sobre a situación da oficina do Padrón como exemplo máis evidente do “colapso” dos servizos municipais.
Falla de persoal
Unha situación que, a xuízo do nacionalista, ten como causa a falla de persoal da que “unicamente é responsábel o Goberno de Caballero”. Nese sentido, subliñou que existen 344 prazas de persoal municipal sen adxudicar pola inexecución das Ofertas Públicas de Emprego (OPE) dende o ano 2020.
“É incomprensíbel que non se estean a aprovisionar, polo menos de maneira temporal, reforzos estábeis a cargo por exemplo da OPE deste ano 2024 que inda está por definir”, lamentou o voceiro do Bloque, lemabrando que este pasado exercicio quedaron sen gastar 15 millóns de euros das contas municipais no capítulo de persoal.
Dende o BNG chamaron por estes motivos a un “cambio radical” na área de Recursos Humanos do Concello para reforzar este departamento “esencial” para o correcto funcionamento da administración e dos servizos municipais.
“A falla de xestión do desgoberno de Caballero provoca que a veciñanza non poida recibir a atención e os servizos que merecen porque o Concello non cubre as vacantes nin contrata máis persoal podendo facelo”, remachou Igrexas.