A área de recreo e esparexemento da praia da Punta, en Cesantes, conta con novas mesas e bancos. As concellerías de Medio Ambiente e Infraestruturas, ante o mal estado que presentaba o merendeiro, acometeron os traballos de mellora.
Esta zona verde, que contaba con 24 mesas e os seus respectivos bancos, suma agora un total de 26 mesas. Instaláronse 17 mesas novas, con bancos abatibles, e mantivéronse 9 das xa existentes que conservan en bo estado.
A concelleira Pilar Martínez explica que esta actuación enmárcase dentro dos traballos de mellora que o departamento de Medio Ambiente está a facer no areal e na súa contorna “porque a preocupación do Goberno local é que este espazo natural estea nas mellores condicións posibles tanto para a veciñanza como para os visitantes”.
Nos meses de inverno xa se realizaron varias limpezas na praia e a súa contorna, e agora acondicionouse esta zona verde con novas mesas e bancos “xa que era necesario porque algúns deles estaban moi deteriorados”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que o novo mobiliario fixouse ao terreo cunha base de polímero plástico “que evita o seu deterioro de cara ao futuro”.
Plan +Provincia da Deputación
Así mesmo, o Concello está a levar a cabo os traballos de limpeza das marxes na estrada Santo Paio de Arriba, na parroquia de Reboreda, para poñer en marcha a obra de pavimentación e mellora deste camiño.
A actuación, que consiste na mellora da drenaxe e a pavimentación da estrada con aglomerado asfáltico en quente, abrangue 346 metros de estrada, cunha superficie total de máis de 2.500 metros cadrados. A obra, que ten un orzamento de 65.510€, está financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan + Provincia.
Continuando nesta mesma liña, Villar explicou que o seu departamento conta con varios proxectos para seguir actuando en obras de asfaltado nos vindeiros meses.