Galicia

Denuncian que o cura de Cabral retirou o panel informativo dos afectados pola comunidade de montes

Para “silencialos” e favorecer aos comuneiros

Denuncian que o cura de Cabral obrigou a retirar un panel informativo dos afectados pola comunidade de montes

Responsábeis da Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (Aveeca), denuncian que o párroco de Santa Mariña de Cabral, Isaac de Vega Arribas, obrigou á asociación a retirar o panel informativo que dispuxera no adro da igrexa hai xa catro anos. O mesmo utilizábase para amosar novas de prensa, “esencialmente ligadas ao conflito que enfronta a numerosos veciños e empresarios coa Comunidade de Montes, que pretende arrebatarlles os terreos que ocupan e que lles pertencen rexistralmente”.

Terreos particulares que pasan á titularidade dos comuneiros

Representantes de Aveeca reuníronse días atrás co cura para insistirlle na importancia de que a parroquia non se puxera de costas ao problema, “pois a situación está cada día máis tensa, unha vez que xa adquiriu firmeza a primeira sentenza xudicial que outorgou a titularidade dun terreo dun particular aos comuneiros“.

A Comunidade de Montes, apuntan dende Aveeca, “apela incluso a levantamentos administrativos da última década do século XIX para avalar que a propiedade do monte é dos comuneiros dende tempo inmemorial, e particulares e empresas ven como as súas parcelas, con títulos que se remontan a principios do século XX ou inscricións no Rexistro da Propiedade de varias décadas atrás, cambian de mans ante a súa total impotencia”.

‘Lávase as mans’

O anterior párroco, Avelino Rodríguez Fernández, non puxera inconveniente no seu día para a colocación do taboleiro, e tras o seu falecemento, o cura que atendeu de xeito provisional a freguesía tamén se amosou comprensivo coa iniciativa veciñal. Pero “o actual párroco aduce que hai fregueses que lle solicitan a retirada do panel e el non quere intervir no tema”. Aveeca entende que en realidade o que está a facer o párroco é ceder ás presións dos comuneiros e esquecer ás vítimas dunha gran inxustiza”.

Asi, os representantes da asociación chegaron a propoñer ao cura a instalación doutro panel no adro, a carón do actual, para que dispuxeran del os comuneiros ou calquera outro colectivo, pero entenden que o obxectivo de Isacc de Vega é “axudar a silencialos”, ou polo menos non facilitarlles as cousas.

Audiencia co Bispado

“É unha vergonza, pois a sensación que temos é que os tentáculos da Comunidade de Montes e as súas artimañas chegan a todas partes, pois cos milleiros de cartos que conseguen coas súas demandas e a súa opacidade dobregan todas as vontades que queren. O cura sabe que a cousa está cada vez peor, que a tensión está a crecer moito na parroquia, é limítase a lavar as mans”, sostivo a presidenta de Aveeca, Beatriz Ucha. Aveeca xa solicitou audiencia no Bispado de Tui para denunciar o caso.

También te puede interesar