A delegada da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) vén de anunciar que o Consorcio contratará a obra de rehabilitación do edificio situado na intersección das rúas San Sebastián e Hortas.
Ana Ortiz salienta que o proxecto conta cun investimento de máis de 700.000 euros para a construción de dúas vivendas na parte alta do barrio histórico. Cun prazo de execución de doce meses, a parcela ten unha superficie de 180 metros cadrados e a compra do inmoble supuxo outros 188.000 euros. Ortiz destacou que o Consorcio Casco Vello retomou a actividade rehabilitadora unha vez o Concello de Vigo desbloqueou o pasado mes de outubro o Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) que tiña paralizado desde hai dous anos.
Elduayen e Subida ao Castelo
Apuntou ademais que o organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e un 10% polo Concello, ten outras dúas rehabilitacións en marcha: Elduayen 31 e Subida ao Castelo 9.
Na primeira delas o CCVV adica un total de 1,4 millóns, sumando a compra do inmoble e a adxudicación dos traballos. Esta actuación, que afecta á edificación con saída á rúa Ferrería, supón a construción de 6 novas vivendas, de dous e tres dormitorios, e dun local comercial.
Pola súa banda, en Subida ao Castelo inviste máis de 500.000 euros para a reforma do inmoble de dúas vivendas. Ademais das mencionadas reformas de San Sebastián, Elduayen e Subida ao Castelo, como informara vigoalminuto, o PAIF 2024 contempla investimentos na rehabilitación de outros tres edificios (Ribeira do Berbés, 39; Elduayen, 39; e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas de protección autonómica.
Desde o seu nacemento, o Consorcio Casco Vello xa rehabilitou un total de 88 edificios para poñer a disposición dos vigueses 121 vivendas e 36 locais.