Cultura

Dioivo lanza o videoclip de “Ata o final”, tema do seu último álbum ‘Cara os Ceios Incrementes’

No vídeo aparecen os membros de diversas bandas de metal viguesas

Dioivo lanza o videoclip de "Ata o final", tema do seu último álbum 'Cara os Ceios Incrementes'

O dúo vigués de metal en galego Dioivo acaba de lanzar un novo videoclip para o seu tema “Ata o final”, pertencente ao seu último álbum Cara os Ceios Incrementes. Foi gravado no último concerto do grupo no Pub Transylvania de Vigo o pasado 23 de decembro, que serviu para presentar o traballo na súa cidade natal.

Ante un público entregado que ateigou a sala ata colgar o cartel de entradas esgotadas, mercando as 150 que permite o aforo do local, os vigueses interpretaron os temas do disco xunto a numerosas colaboradoras e colaboradores da escena da cidade que fan tamén a súa aparición no vídeo. A peza audiovisual foi froito do traballo de Marko Otero na gravación e de Adrián Porima na edición, logrando un resultado que dende Dioivo definen como “espectacular, conseguindo recoller á perfección o ambiente e as sensacións dun concerto que para nós foi inesquecible”. “Estamos moi agradecidos con ambos polo seu labor”, recalcan.

Man a man con membros doutras bandas da cidade

Xunto aos membros de Dioivo e das bandas que compartiron escenario con eles naquela noite, o trío vigués Karracho e o cuarteto segoviano Mortal Maze, aparecen ao longo dos case 5 minutos de vídeo os membros de diversas bandas destacadas da zona. Concretamente, Aida de Her Anxiety, Jorge de Her Anxiety e Mileth, Belize Martínez, Dany de Atreides e Lardelúa, Soto de Ardora, Aarón de Lapsus Mentis, Fabio de Infrahumano e Ghandi Boxing Club e David de Sulf-Atär. Artistas de diferentes estilos que colaboraron co dúo vigués na voz, na guitarra ou no baixo para darlle un toque diferente ás cancións do seu repertorio, e que ao final do evento subiron de novo conxuntamente ao escenario para pechar a noite por todo o alto, como se pode ver na parte final do videoclip. Dioivo quixo así mesmo dar as grazas “a Adriana Goretti e a Lain Romasanta por facer as fotos daquela noite, a Roberto Fontán por ser o técnico de son e a todo o persoal do Transylvania pola marabillosa acollida que nos dan sempre”.

“Ata o final”

“Ata o final” é o quinto videoclip lanzado pola banda para promocionar as cancións de Cara os Ceios Incrementes. Chega despois da saída no pasado mes de xullo de “Que importa que nos craven as cadeas”, dixido por Emilia Vidal-Hallett, no que os vigueses renderon homenaxe ao falecido escritor lucense Darío Xohán Cabana e ó seu poema homónimo.

Tamén lanzaron videoclips para outras adaptacións literarias, como o de “Hai sede na Nova Galicia” de Florencio Delgado Gurriarán, realizado por YOD Multimedia, e o de “Retorno a Tagen Ata” de Xosé Luís Méndez Ferrín, realizado por Brais Gómez Salvador e que conta coa participación do propio autor.

Brais Gómez Salvador foi o encargado así mesmo de dirixir o videoclip do tema “Cabeiros”, e tamén o de “Por 100 anos máis”, un sinxelo lanzado posteriormente ao álbum no que a banda viguesa homenaxeou ao Celta de Vigo con motivo do 100 aniversario do club.

Tanto o vídeo de “Ata o final” como o resto dos traballos mencionados poden visualizarse na canle de YouTube do grupo, chamada @dioivo_metal, así como escoitarse nas demais plataformas dixitais de música.

También te puede interesar