A Xunta comprometeuse a axilizar ao máximo a emisión do informe autonómico previo e imprescindible para a aprobación definitiva do novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Vigo, en canto
reciba a documentación correspondente e comprobe que o Concello corrixiu todos os erros detectados e completou o expediente cos informes estatais que faltan e que resultan preceptivos para continuar coa tramitación.
No marco da reunión técnica convocada onte en Santiago pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para analizar a situación do PXOM vigués, os responsables dos Gobernos autonómico e local coincidiron na necesidade de traballar para que a aprobación definitiva do plan polo Pleno municipal se produza canto antes.
Erros na documentación municipal
Como primeiro paso, haberá que resolver todos os aspectos sinalados no requirimento remitido a semana pasada pola Xunta ao Concello, tal e como expuxo durante a xuntanza a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.
En concreto, a maiores das correccións esixidas tras analizar o documento provisional e que afectan
sobre todo a aspectos arqueolóxicos e culturais, Rivas trasladoulle á concelleira de Urbanismo, María José Caride, a urxencia de dispoñer dos dous informes preceptivos sobre o PXOM do Goberno central —o de Aviación Civil e o de Telecomunicacións— que a estas alturas seguen pendentes e sen os cales, insistiu, a Xunta non pode informar o documento.
Tres meses
Neste sentido, Rivas comprometeuse ante os responsables e técnicos municipais a que, unha vez estea completa a documentación e subsanadas as carencias e problemas detectados, o Executivo galego acurtará o máximo posible o prazo legalmente previsto —3 meses a contar desde que a documentación do PXOM estea completa— para emitir o seu informe autonómico previo, último paso antes da aprobación definitiva do plan.
Non protección do Castro e de Castrelos
Por parte da Consellería de Cultura, participou tamén na reunión a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. No encontro, os representantes do Goberno galego trasladaron ao Concello de Vigo a necesidade de dar resposta ás consideracións recollidas no informe de Patrimonio Cultural para continuar co trámite do PXOM. Isto será avaliado polos técnicos para, posteriormente, emitir o informe procedente.
Cómpre sinalar, ademais, apuntan dende a Xunta, que a a concelleira de Urbanismo “recoñeceu como erros a non protección patrimonial do Monte do Castro e Fortaleza e do Parque Quiñones de León”.
O Plan xeral protexe todos os elementos que así o demandan
Esta última apreciación non coincide coa versión de María José Caride quen insistiu en que o Concello é “absolutamente respectuoso co noso patrimonio e así o deixamos claro na reunión“. A concelleira de Urbanismo salientou que o Plan Xeral non desprotexe elementos que merecen ser protexidos, catalogando 168 elementos adicionais aos que incorporaba o Plan de 2008.
“O que deixou claro a reunión é que Patrimonio non avaliará toda a información remitida polo Concello á Xunta”, engadiu Caride. Nesta liña, asegurou que contestará ao informe da Dirección Xeral, “poñendo de manifesto protexemos o noso patrimonio e cumprimos con todos os requisitos legais esixidos”.
A concelleira de Urbanismo insistiu en que todos os elementos que Patrimonio cre que deben estar incluídos no catálogo, xa o están e apuntou que “si á marxe deles identifica algún máis que, motivada e singularmente, teña que incorporarse, o faremos”. De aí que considerase que “a corrección de erros materiais que puidésemos ter cometido, estará resolta en 5 minutos”.