Cultura

Ana Miranda alerta da fuga de talento de Galiza

Por falla de opcións laborais

Ana Miranda alerta da fuga de talento de Galiza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia que Galiza segue sendo, “nas mans do Goberno do PP, unha fábrica de exportación de talento”, polo que defende que “é imprescindible tomar medidas para que as e os universitarios e profesionais fiquen na nosa terra”.

Neste sentido anuncia que trasladará este problema da fuga de cerebros (“brain drain“) á Comisaria de Demografía, Dubravka Šuica, coa que manterá un encontro a vindeira semana en Estrasburgo.

“O PP é especialista en expulsar a mozas e mozos formados nas Universidades galegas e nos centros de Formación Profesional galegos” e acusa ao Goberno da Xunta de “non poñer en marcha ningunha medida para captar e reter o talento formado en Galiza”.

Mobilidade laboral?

Para Miranda, “non pode ser que sigan a falar de mobilidade laboral cando é emigración de profesionais e universitarios clara e evidente”. Neste sentido, lembra que no 2023 tiveron que marchar de Galiza 7.623 universitarios para traballar fóra mentres que só viñeron con contrato 3.553.

“Resulta que o persoal con maior nivel de formación ten que buscar unha saída laboral fóra, posto que en Galiza non atopa as oportunidades laborais que lles permitan desenvolver o seu proxecto vital con dignidade debido a situación de falla de opcións laborais, e a precariedade contractual e vital existentes no noso país”.

Retorno do talento

Fronte a esta situación, Ana Miranda subliña que o BNG ten “unha aposta clara por un programa de captación e retorno de talento”, tanto no eido da investigación co Plan Retorna do Persoal investigador, como nas propostas de políticas activas de emprego para evitar a fuxida de cerebros.

Galiza sofre unha sangría demográfica”, engade a eurodeputada do Bloque, xa que segundo o INE, no ano 2023 houbo un 2,7% menos de nacementos en comparación co ano 2022. Ademais, o saldo vexetativo (persoas falecidas en comparación con nacementos) é negativo en 18.611 persoas. “O que debería facer o Goberno galego é desenvolver políticas para reter as profesionais e universitarias en lugar de fomentar políticas non inclusivas e que non combaten o grave problema demográfico que temos en Galiza”, sinala.

O dinamismo da mocidade galega, en Bruxelas

“Mostra da visión de ligazón con Galiza, con propostas concretas no eido cultural e investigador, esta fin de semana celébranse en Bruxelas dous eventos moi importantes”, destaca a eurodeputada do BNG.

Por unha parte, terá lugar o “I Foro de Investigación Galega no Extranxeiro (FIGaE)“, organizado por Investigal-Rede Galega pola Investigación, que contará con investigadoras e investigadores de diferentes lugares de Europa e que tratará entre outros temas cuestións como igualdade, internacionalización e carreira investigadora, na que asistirá a eurodeputada do Bloque como público.

Por outra parte, celebrarase a segunda edición do EmigraSon, festival de música en Bruxelas, organizado por mozas e mozos profesionais residentes na capital europea, e que por segundo ano, conta tamén co apoio do BNG a través do grupo parlamentar europeo -mediante un grupo de visitantes-, para apoiar o talento musical galego e a importante riqueza cultural de Galiza.

“É evidente que a mocidade galega no estranxeiro quere participar e ser parte da vida cultural, social e política de Galiza e non podemos ser alleos a esta demanda da Galiza global”, conclúe Miranda.

También te puede interesar