Comarcas

A grada de Gol, a recuperación do Fraga e o Mundial 20230,obxectivos da Deputación en Vigo

O presidente salienta a renovación dos convenios subscritos anteriormente

A grada de Gol, a recuperación do Fraga e o Mundial 20230,obxectivos da Deputación en Vigo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este mércores a estratexia do executivo provincial para a transformación da provincia de acordo cos criterios de sustentabilidade económica, social e medioambiental que rexen a Axenda Europea 2030 e tamén a Axenda Rural e Urbana da provincia.

Unha folla de ruta da que falou o mandatario provincial a rexedores e concelleiros de concellos da área de Vigo, técnicos e profesionais da administración local e representantes do tecido asociativo desta comarca na segunda das mesas de traballo que está a desenvolver a Deputación por toda a provincia, neste caso tivo lugar na sede de Vigo. Trátase dunha xuntanza para “traballar nun proxecto conxunto de futuro e construír unha provincia sensible co cambio climático, que coida da súa veciñanza e que ofrece servizos de calidade en todo o seu territorio”, explicou Luis López, acompañado pola deputada de Fondos Europeos, María Ramallo.

Compromiso con Vigo

Unha estratexia que pasa pola colaboración institucional e a cooperación entre administracións para acadar os obxectivos. Por iso, Luis López aproveitou a celebración deste acto para reiterar o “compromiso da Deputación coa principal cidade de Galicia”.

Un compromiso que se reflicte coa renovación dos convenios subscritos anteriormente e que se reforza con novos investimentos e iniciativas como os 2,5 millóns de euros orzamentados para a construción da grada de Gol de Balaídos, o apoio á candidatura para ser sede do Mundial de fútbol do ano 2030 ou a intención de reabrir o Cine Fraga. “O modelo desta Deputación é o de tender pontes. Farémolo nos 61 concellos da provincia e desde logo tamén en Vigo”, afirmou Luis López.

Desenvolvemento sostible

Ao longo de toda a mañá, os asistentes traballaron sobre un plan que recolle os desafíos e oportunidades
de futuro que debe afrontar a provincia. Deste xeito, participaron en tres dinámicas de traballo dirixidas a pensar e poñer en común iniciativas relacionadas co desenvolvemento sostible nesta comarcas.

Luis López deu conta de iniciativas levadas a cabo polo seu goberno neste contexto que pasan pola activación do emprego, o apoio ás entidades locais para redactar e executar proxectos transformadores e mellorar os servizos ou o traballo conxunto con outras administracións para mellorar os espazos públicos. Fixo fincapé o presidente na importancia de fomentar o emprego e recordou que no que vai de ano a Deputación mobilizou 6,2 millóns para a contratación de 500 persoas en 40 municipios. Ademais, en materia de investimentos, estanse a asignar os fondos da Liña 1 do +Provincia, dotada con 34 millóns de euros; e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotada con 4 millóns de euros; para executar proxectos transformadores. E en materia de sustentabilidade, o presidente recordou tamén a colaboración coa FEMP para avanzar no deseño de cidades saudables.

Reto Demográfico

Neste sentido, o presidente fixo tamén fincapé en dúas áreas fundamentais desta axenda rural e urbana ás que a Deputación presta especial atención. Son o reto demográfico e o impulso a proxectos
transformadores. Puxo en valor que o goberno provincial ten en conta por primeira vez o reto demográfico para un reparto de fondos máis xusto que permita dar con solucións que palíen esa perda de poboación que afecta ao noso rural e tamén a creación dunha cuarta liña no +Provincia dotada con 1,2 millóns de euros que permita executar proxectos que sigan eses criterios que marca a Axenda 2030.

También te puede interesar