Cultura

Cine: Cans bate record de obras inscritas

E aumentan en todas as categorías

Cine: Cans bate record de obras inscritas

Foto: Cris Andina/O Festival de Cans, cuxa 31 edición terá lugar na aldea de Cans -no Porriño- entre o 21 e o 25 de maio, bateu o record histórico de obras inscritas a concurso coas 261 presentadas a competición, o que supón un aumento do 13% con respecto ao número de curtas recibidas o pasado ano e rebasar a marca anterior máis alta, establecida no ano 2019 con 255 pezas.

Galegos doutros países

Chama a atención tamén que as obras recibidas foron enviadas por autoras e autores galegos procedentes de ata oito países. Ademáis de cidades españolas como Madrid, Barcelona, Bilbao ou Valencia, chegaron obras de Francia, Bélxica, Italia, Reino Unido, Portugal, e outras desde América, de  lugares como Arxentina ou Venezuela.

Máis en todas as categorías

As obras recibidas aumentaron en todas as categorías, con incrementos exponenciais con respecto á última edición nas categorías de Non Ficción, de 32 a 50 obras, e Novas Camadas, a sección adicada aos cineastas menores de 25 anos, que pasou de 20 a 37 obras inscritas.

Tamén se inscribiron 55 obras de ficción, 85 videoclips e 19 no apartado de outras obras, entre as que están longametraxes, documentais e webseries.  A categoría de animación recibiu 15 curtametraxes, o que supón a marca histórica do festival neste apartado e permitirá que haxa unha competición específica para este tipo de obras, que o ano pasado tiveran que participar mesturadas coas pezas de ficción.

No apartado de videoclips, o certame recibiu obras de multitude de grupos de diferentes estilos que van do rock ao pop, pasando pola música electrónica, o folk ou a diversidade de músicas urbanas, que amosan o gran momento da música feita en Galicia e o interesantísimo traballo de numerosas realizadoras e realizadores.

Aumenta a cuantía dos premios

O equipo do festival está a traballar agora no proceso de selección do que sairá o número limitado de obras que participarán nas diversas categorías da competición oficial. As elexidas poderán optar aos 12.000 euros en premios que repartirá o festival, que tamén incrementou a cuantía dos galardóns.

Mulleres creadoras

O certame contará cunha ampla representación de mulleres creadoras nas distintas seccións competitivas e –como sucedera en pasadas edicións—haberá moitas obras que terán en Cans a súa estrea absoluta ou a súa estrea en Galicia. Entre as actividades non competitivas do festival hai que destacar a homenaxe que se rendirá ao músico vasco Kepa Junquera, que dará o seu nome ao Jaliñeiro no que realizou unha histórica actuación en Cans hai dez anos.

También te puede interesar