A Deputación aprobou destinar preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán.
“Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos”, asegurou o presidente o organmismo proevincial. Luis López lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os
concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
Investimentos, ‘liña 1’
No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 1,41 millóns de euros para sete
concellos: A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Lalín e Marín.
Desta maneira, Lalín recibirá 444.011€ para a adquisición de terreos do Lalín Arena e da casa Don Álvaro; Marín 284.751 € para a humanización de vías en Pedreiras. Baiona 176.304€ para o proxecto de instalación de ascensor na Casa do Concello; Cerdedo-Cotobade 87.050€ para o retranqueo de peches de muros, cuneta e galpón en Parada de Tenorio; Arbo 83.203€ para o ensanche e pavimentación no lugar de Casanova – Mourentán, e A Lama 8.000€ para acondicionar un sendeiro no lugar de Firveda, en Covelo, na serra do Cando.
A Guarda
Ademais, A Guarda contará con 328.355 € para o proxecto básico e de execución da reforma integral dos Edificios Sinde, bloque I, que completarán aos 709.738€ que xa recibiu ao abeiro do Programa PON2030, polo que o orzamento total de 1,04 millóns de euros estará financiado ao 100% pola Deputación.
Emprego
No caso da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 577.000 euros para a
contratación de 49 persoas desempregadas nos concellos de Nigrán, Marín, A Cañiza e Dozón.
- En concreto, Nigrán recibirá 214.24 € para contratar a 18 persoas que traballarán como peóns forestais (15) e conserxes/ordenanzas (3).
- Marín disporá de 167.087€ para 15 persoas que ocuparán os postos de peóns de obras públicas (11), conserxes (3) e auxiliar administrativo (1).
- A Cañiza beneficiarase de 123.019€ para contratar a 11 traballadores como peóns de obras públicas (6), condutores operadores de maquinaria de vías (3) e mozos de recollida de lixo (2).
- Dozón recibirá 73.033€ do Plan +Provincia para que 5 persoas ocupen os postos de peóns forestais (3), capataz forestal (1) e oficial condutor (1).