O Concello do Rosal comunicarase por WhatsApp coa súa veciñanza. O Goberno municipal ven de poñer en marcha unha canle a través desta aplicación móbil co obxectivo de “ofrecer a rosaleiros e rosaleiras novas ferramentas a través das que dispoñer da información municipal de xeito doado e directo, chegando ademais a aquel público que non emprega habitualmente outros medios como a páxina web ou as redes sociais municipais“.
O Concello no móbil
Con esta iniciativa, a veciñanza disporá dunha canle de comunicación que permitirá a todos estar informados en todo momento do que pasa no municipio a través dos seus teléfonos móbiles. “Seguimos dando pasos para axilizar, dinamizar e garantir que a información máis relevante do noso Concello chegue a todos os veciños e veciñas a golpe de clic, dunha maneira cómoda e sinxela”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A través desta canle, poderán estar ao día das últimas novidades sobre a actividade municipal, das diferentes actividades da axenda cultural, de avisos e de todo tipo de noticias e informacións que poidan ser de interese.
Ao tratarse dunha canle de difusión, o servizo manterá a total privacidade de todas as persoas participantes. Como explica o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alejandro González, “non se trata dunha lista de difusión ao uso dentro da aplicación, senón que son os propios usuarios e usuarias os que se subscriben á canle para recibir a información pero sen acceso aos datos do resto das persoas rexistradas na canle”.
Mira como tes que facer
Para acceder a esta canle informativa que se chamará Concello do Rosal poderá escanearse o código QR que se difundirá a través de diferentes canles físicas ou dixitais polo municipio ou acceder de forma directa a través do seguinte enlace: https://whatsapp.com/channel/0029VaMvze4JENyA5Xsvmr28 e premendo a continuación o botón de ‘Seguir’ que aparece na parte superior dereita da pantalla.