Cultura

O BNG propón ao Comité de Vitrasa, á escritora María Reimóndez e á Libraría Cartabón como ‘Vigueses Distinguidos’

A Medalla da Cidade para a Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina

O BNG propón ao Comité de Vitrasa, á escritora María Reimóndez e á Libraría Cartabón como 'Vigueses Distinguidos'

Achégase a Reconquista e, con ela, a entrega das distincións aos ‘Vigueses e Viguesas Distinguidos’ e o Bloque Nacionalista Galego vén de completar a súas propostas para estes recoñecementos.

Así, o BNG propón nomear o Comité de Vitrasa, a escritora María Reimóndez e a Libraría Cartabón como Viguesas e Vigueses Distinguidos este ano 2024. Os nacionalistas piden poñer en valor con este recoñecemento a loita do persoal de bus urbano por ser “parte do ADN de Vigo” como cidade reivindicativa, o papel dunha muller referente da literatura galega e o traballo deste establecemento do Calvario como espazo potenciador da cultura durante catro décadas.

Reflexo da pluralidade da cidade

Segundo salienta o portavoz municipal do Bloque, “estas distincións teñen que ser reflexo da diversidade e pluralidade da cidade, poñendo fin a súa utilización autoritaria por parte do Goberno de Abel Caballero”. Xabier P. Igrexas lamentou que nos últimos anos o alcalde impuxera o seu “veto antidemocrático” ás propostas realizadas por outros grupos políticos e, especialmente, aquelas formuladas desde o Bloque.

María Reimóndez

En relación a María Reimóndez, o portavoz nacionalista subliñou que “é indiscutibelmente unha das maiores referencias da literatura galega dos nosos tempos”. Con máis de 50 obras publicadas como autora ou co-autora, tanto de poesía, narrativa, literatura infantil e xuvenil como ensaio, Reimóndez, ten unha destacada traxectoria no ámbito literario que a fixo merecente dun importante número de premios. Na súa obra Vigo, onde reside dende hai 31 anos, está presente de xeito recorrente, sendo escenario de catro das súas principais novelas. Dende o Bloque salientan tamén o seu infatigábel e expreso compromiso coa lingua e cultura galegas.

Libraría Cartabón

Sobre a Libraría Cartabón, rexentada por Gonzalo Pérez e Maribel Tato, o Bloque considera necesario recoñecer a súa traxectoria de case catro décadas marcada desde a determinación de aproximar o libro, como grande porta de acceso á cultura, ao conxunto da cidadanía de Vigo. “É moito máis que un estabelecemento comercial que destaca por contar cun amplísimo fondo de libros en galego”, salientou o voceiro municipal.

Nese sentido, a fronte nacionalista puxo en valor que Cartabón dende os seus inicios e con crecente intensidade configurouse como un “espazo senlleiro dende o que visibilizar, alentar e dar acubillo á creación literaria e, tamén, ao activismo cultural e social en favor da nosa cultura e idioma”.

Medalla da Cidade para UNRWA

Onte, dende o BNG solicítabase que a Medalla da Cidade, máxima distinción honorífica do Concello de Vigo se dedique este ano á UNRWA: a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as de Palestina en Oriente Pŕoximo, que cumpre 75 anos este 2024.

“O BNG defendemos que a Medalla da Cidade deste ano ten que ser o símbolo do compromiso de Vigo na loita firme e inequívoca pola paz asentada na defensa dos dereitos humanos individuais e colectivos do pobo palestino”.

También te puede interesar