O Goberno municipal de Mondariz informa que no mes de abril se incorpora a titular do servizo de Pediatría ao centro de saúde local. A concelleira de Servizos Sociais, María José Álvarez amosa a súa satisfacción e alégrase de que “por fin a cidadanía teña que deixar de reivindicar un servizo público indispensable e deixe de ser unha preocupación e un trastorno para as famiias con fillas e fillos menores de 14 anos”.
Sen pediatra dende novembro
Álvarez lamenta que dende o mes de novembro as familias tiveran que reclamar un servizo que lles pertence. A propia concelleira explica que ante a falta de información oficial sobre a praza de pediatría víuse na obriga de enviar varios escritos á Conselleria de Sanidade solicitando coñecer as intencións e prazos para cubrir a praza de pediatría dun xeito estable. Tamén lamenta que non ter recibido resposta algunha ao longo deste tempo.
As mañás dos luns, martes, xoves e venres
A partir do luns, día 1 de abril a pediatra titular estará no centro de saúde nas mañás dos luns, martes, xoves e venres. “A súa chegada evitará moitos desprazamentos ás urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro, centro ao que eran derivadas as familias en todos estes meses“.
Asi mesmo, a concelleira subliña que “coa saúde non se xoga e moito menos coa das nenas e nenos. A incertidume destes meses e os longos desprazamentos ao hospital provocaban moito malestar entre a veciñanza de Mondariz que vía como se complicaba aínda máis a conciliación familiar laboral, ademais de supor un agravio comparativo hacia as persoas que viven no rural”, sinala María José Álvarez.
Por último, quere lembrarlle á Consellería que a saúde é cousa de todas e de todos e non só dun grupo polo que a información oficial debe trasladarse a través de medios oficiais que cheguen a todas as persoas.