‘Non deixes que a túa vida quede na estrada’ é o lema da campaña que amosa ás consecuencias das condutas temerarias e irresponsbles ao volante. Coa súa posta en marcha, a Xunta de Galicia, quere lembrar todo o que podemos perder nun segundo, por unha imprudencia ou un despiste.
A través dun spot audiovisual, cuñas de radio e diferentes propostas gráficas, preséntanse á cidadanía distintas situacións da vida dunha familia que se ve truncada nuns instantes por un accidente de tráfico. E faino sen recorrer a escenas dramáticas, senón que a través dunha simple imaxe -como unhas fotos, un móbil, unha mochila cun ordenador ou un boneco estrados na vía-, na que se amosa o que pode cambiar a nosa vida, en poucos segundos, por unha distracción ou unha imprudencia.
Os efectos prexudiciais do consumo de alcohol, o perigo do uso do móbil cando se está conducindo, as graves consecuencias do exceso de velocidade ou de non poñer o cinto de seguridade, como principias causas das mortes ao volante, son argumentos centrais. Sublíñase a súa importancia á vista de que os datos de sinistralidade nas estradas apuntan, precisamente, a una certa relaxación de condutas precisamente no uso do cinto, do teléfono móbil e no consumo de alcohol e drogas.
Campañas de sensibilización nos últimos anos
Esta nova campaña de sensibilización súmase ás que realizou a Xunta nos últimos anos. Así, en 2017 e 2019, estiveron centradas nas distraccións ao volante, cando as mesmas eran a primeira causa de accidentes de tráfico en Galicia.
En 2018 o lema foi ‘Metro e medio’, co obxectivo de sensibilizar sobre o respecto entre condutores e ciclistas, un colectivo vulnerable con crecente presenza na estrada.
En 2020, no contexto de pandemia, o obxectivo foi advertir aos condutores de que na desescalada do confinamento seguía a ser necesario conducir de modo seguro.
Nos últimos anos, a Xunta centrou o propósito foi insistir na fraxilidade das persoas usuarias da estrada, en especial dos peóns, e a necesidade de adoptar unhas sinxelas medidas para aumentar a seguridade propia e a dos demais: facerse ver co uso de prendas reflectantes.
‘O corazón está do teu lado’
Tamén os nenos foron obxecto de actividades divulgativas e de concienciación coa campaña ‘O corazón está do teu lado’, promovendo hábitos responsables nas estradas por moitos colexios de Galicia. Os cativos aprenderon con actividades amenas a relevancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.
Obxectivo acadar a “visión cero”
A nova campaña de concienciación da Xunta forma parte do ‘Plan de Seguridade Viaria 2022-2025’ que quere acadar a “visión cero”: é dicir, reducir ao mínimo posible as vítimas de accidentes e acadar a meta final de cero vítimas por sinistros nas estradas.
Este Plan, que é a folla de ruta do Goberno galego no eido da seguridade viaria para os vindeiros anos, foi recoñecido como referencia estal polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria.
O mesmo recolle dúas metas estratéxicas, a primeira diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías, con respecto a 2019. O segundo, reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables como os peóns, ciclistas ou motoristas.
Para acadar estes obxectivos, xa están en marcha distintas accións específicas que abranguen todos os ámbitos que afectan á seguridade viaria: a mellora das infraestruturas, a promoción da educación e formación viaria, o bo estado do vehículo ou a priorización da seguridade viaria no lugar de traballo.
Eliminación de tramos de concentración de accidentes
No que se refire ás intervencións en funcionamento, a Xunta quere a avanzar no desenvolvemento da Estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes existentes na rede de estradas autonómicas: así, leva mobilizados preto de 17 M€ que permitiron reducir case 50 km de puntos negros nas estradas autonómicas, diminuíndo a accidentalidade en máis dun 60%. Agora está a avanzar na elaboración dunha nova Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes baseándose nos identificados no ano 2021.
Mobilidade peonil e ciclista
A Xunta segue tamén a apostar por unha mobilidade peonil e ciclista segura e sostible, coa construción de novas sendas. Esta acción empréndese logo de ter habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas nas estradas autonómicas nos últimos anos, cun investimento que supera os 50 M€, impulsando, ademáis, grandes eixes de mobilidade nas contornas das cidades ao abeiro dos fondos Next Generation.
Tamén se están a desenvolver intervencións para reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nas paradas de autobús situadas nas vías de titularidade autonómica, unha iniciativa dirixida aos usuarios máis vulnerables das estradas, os peóns, coa que se está a actuar en 1.100 paradas de autobús cun investimento de 35 M€.
Impúlsanse, ademais, obras específicas para a eliminación de obstáculos nas estradas que teñen como obxectivo conseguir “estradas que perdoan” os erros que cometemos e dan unha segunda oportunidade de volver á estrada e evitar sinistros. Unha iniciativa que se reforzará nos vindeiros anos a través dunha Estratexia de actuación nos treitos de alto potencial de mellora.
Conservación de estradas
Ademais, de xeito permanente, o Goberno galego vén apostando por unha medida eficaz para a conservación dos máis de 5.500km de estradas autonómicas: o Plan de reforzo de firmes, co que nos últimos sete anos se levan licitado obras que superan os 140 M€. No que vai de 2024 a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou traballos de mellora do firme nos viais de Galicia por un importe que supera os 20 M€.
Tamén tendo en conta os efectos do cambio climático e a necesidade de manter as vías en condicións para reducir riscos, a Xunta está desenvolvendo liñas pioneiras como o programa de inspeccións nas pontes e obras de paso, ademais de en muros e noiros.