O presidente da Deputación de Pontevedra informou hoxe en rolda de prensa de que o organismo provincial acaba de aprobar a adxudicación da contratación do patrocinio para a celebración na provincia de dous partidos oficiais internacionais das seleccións absolutas masculina e feminina de balonmán esta primavera.
179.000 euros
Luis López lembrou que o contrato ascende a 179.000 euros destinados á Federación Galega de Balonmán para celebrar estes dous encontros, o primeiro deles este domingo 7 de abril no Porriño e, o seguinte, o 8 de maio en Lalín.
López lembrou que a colaboración entre a Deputación e a Federación enmárcase no obxectivo de “fomentar, promover e difundir o deporte, e sempre colaborando cos municipios para tratar de chegar a todos os recunchos da provincia”, xa que “este tipo de eventos fan que a provincia teña unha enorme visibilidade que se porá de manifesto nestes próximos meses”.
De feito, sinalou, “acabámolo de comprobar o pasado xoves na celebración da final da Copa Galicia de Futsal feminino nas instalacións do Centro Príncipe Felipe, e seguirémolo vendo coa Volta Ciclista a España“.
As Guerreiras, este domingo no Porriño
As Guerreiras, nome co que é coñecida a selección absoluta feminina, mediranse ao combinado de Acerbaixán nun encontro clasificatorio para o Campionato de Europa 2024 que terá lugar este domingo 7 de abril no Porriño.
Pola outra banda os Hispanos, alcume da selección absoluta masculina, enfrontaranse o 8 de maio a Serbia en Lalín no choque de ida dunha eliminatoria na que estará en xogo o billete para o Campionato do Mundo masculino do próximo 2025.