O Bloque Nacionalista Galego pide abrir un proceso participativo real en Vigo para definir as Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en lugar das “enquisas fake” anunciadas polo Goberno de Abel Caballero. Así, os nacionalistas demandan a convocatoria dos Consellos Sectoriais de Transporte e de Medio Ambiente do Concello para abrir un verdadeiro debate, con diálogo e coa participación dos colectivos sociais e da veciñanza, para decidir a aplicación desta medida.
Multas para quen non pode comprar un vehículo híbrido ou eléctrico
“As Zonas de Baixas Emisións non poden supoñer baixo ningún concepto que se castigue con multas á inmensa maioría social que non se pode permitir comprar un vehículo híbrido ou eléctrico”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, rexeitando a “mala copia de Madrid Central que quere impoñer o Goberno local”, que prevé sancionar por circular ou acceder en catro zonas/perímetros da cidade.
Igrexas defendeu a aposta nacionalista de facer de toda a cidade unha ZBE, revolucionando a mobilidade e democratizando o espazo público. Un modelo no que se ofrezan alternativas ao uso do vehículo privado, reducindo o tráfico ao mínimo necesario, dando prioridade ao tránsito a pé, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal e, con especialmente, mellorando o servizo de autobús urbano.
“O reto que temos como cidade, para avanzar na sustentabilidade e enfrontar a emerxencia climática, non é que circulen menos coches de combustión senón que haxa posibilidades para usar menos o coche”, reivindicou o portavoz municipal do BNG.
Dende o Bloque cuestionaron nese sentido a pouca efectividade do modelo de perímetros a respecto doutros como o de Pontevedra. “Revolucionar a mobilidade demostrou con éxito noutras cidades que o camiño para reducir as emisións contaminantes pasa por crear espazos urbanos máis seguros e habitábeis e non por fixar unhas poucas zonas onde non se deixa circular segundo o tipo de vehículos”, remachou.