A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, enviou unha carta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, para comunicar a súa renuncia a participar na Delegación de Israel da Eurocámara, fundamentalmente porque esta Delegación está avalando o xenocidio que Israel perpetra en Gaza. “Non podemos ser cómplices de Israel na súa masacre ao Pobo Palestino”, subliña.
Actitude “deplorable” de Israel e da súa delegación na UE
Miranda explica que cando en 2022 tomou a decisión de integrar non só a Delegación de Palestina senón tamén a de Israel fíxoo co obxectivo de contribuír “desde a miña experiencia coa sociedade civil de Israel que se opón á ocupación, para tratar de aportar e contribuír con vías de diálogo e paz”. Porén, a eurodeputada galega sinala que “a actitude de Israel e da súa Delegación ante a UE é deplorable”.
Ao respecto denuncia que a Delegación de Israel convida a expertos, militares e parlamentarios como o Presidente da Delegación da Knesset de Relacións coa Unión Europea, Ariel Kallner, que avala coa súa linguaxe o xenocidio contra o Pobo Palestino, “deshonrando coa súa presenza no Parlamento Europeo os principios democráticos e de paz que deberían rexer na Eurocámara”.
En consecuencia, a eurodeputada do Bloque traslada á Presidenta do Parlamento Europeo a súa petición
oficial a que os diplomáticos de Israel non poidan acceder ao Parlamento Europeo, “cuestión que pode decidir a Conferencia de Presidentes”, sinala.
Dobre vara de medir
Ana Miranda critica, ademais, a dobre vara de medir por parte da Eurocámara, xa que ao seu xuízo
unha institución democrática como o Parlamento Europeo non pode seguir permitindo a entrada a representantes dun Estado que practica o apartheid, que viola os dereitos humanos e incumpre as medidas provisionais ditadas pola Corte Penal Internacional para o alto ao fogo e a entrada de axuda humanitaria. “Non pode existir unha dobre vara de medir, para uns países e non para outros, que limitou o acceso a diplomáticos estranxeiros por diversos feitos”, subliña.
Sin amparo do Parlamento Europeo
Por outro lado, sinala que como integrante da Delegación de Israel no Parlamento Europeo non tivo o amparo suficiente do seu presidente tanto na prohibición de entrada a Israel e o acceso a -en febreiro de 2023 cando formaba parte dunha delegación oficial da Eurocámara- como cando foi insultada en redes sociais por parte dalgún dos seus diplomáticos, como Ehab Hino, xefe de relacións co Parlamento
Europeo da Delegación de Israel en Bruxelas.