A Central Intersindical Galega (CIG) denunciou perante a Inspección de Traballo que o persoal de Ambulancias do Atlántico, actual concesionaria do 061 en Vigo, Cangas e Moaña (que tamén presta o servizo de transporte sanitario dos hospitais para a área sanitaria viguesa) leva un ano enteiro acumulando atrasos no pago dos seus salarios.
250 traballadores
“Esta situación ven de complicarse máis despois de que o persoal sanitario afectado cobrase a paga extra de marzo unha semana máis tarde do establecido e, sobre todo, porque na actualidade aínda non cobraron a mensualidade de marzo, incumpríndose así o acordo coa empresa que obriga a facelo antes do último día de cada mes”.
Empresario de ambulancias “desaparecido“
Ademáis, os responsábeis da CIG aseguran que “na actualidade, o empresario catalán Carlos Simón García atópase desaparecido e en paradeiro descoñecido”. Así, afirman, “non se presenta na empresa, non contesta os requirimentos da representación do persoal, non atende os correos nin as chamadas e non comparece nas reunións de xestión”.
Sen directora de recursos humanos e co director da empresa de baixa
Froito desta situación, subliñan dende a CIG, a recentemente designada directora de recursos humanos “abandonou a empresa sen se presentar ao traballo dun día para outro“ e o “director da compañía está de baixa médica”. Por estes motivos, “o propio persoal traballador que aínda non cobrou é o encargado de xestionar integramente o funcionamento da empresa”.
Á vista desta situación, a representación sindical de CIG, CCOO e USO foi atendida pola inspectora de Traballo que levará o caso que, dada a urxencia e gravidade da situación, comprometeuse a intentar
localizar ao empresario para esixir a súa comparecencia urxente.
Onde van os cartos?
Esta é a pregunta que se fan os representantes da CIG á vista de que o 061 ven de incrementar en máis de 800.000 euros anuais o importe da licitación a Ambulancias do Atlántico e que esta mesma empresa conta tamén coa concesión dos hospitais de Vigo, a adxudicación do servizo sanitario da Volta Ciclista a España, o Centro Penitenciario da Lama, o seguro de saúde Adeslas e o hospital Rivera Povisa, “os atraos nos pagos ao seu persoal sanitario e aos provedores son continuos”.
A difícil situación económica que semella atravesar a empresa vai en aumento, xa que esta mesma semana “as tarxetas de pago que se empregan para a repostaxe das ambulancias deixaron de funcionar e tan só se pode acudir á gasolineira de Repsol da Avenida de Madrid”.
Ademais dos problemas económicos a empresa “suma denuncias na Inspección, e mesmo vén de ser sancionada pola utilización de ambulancias asignadas a un contrato coa Administración pública na realización de servizos privados. O último incumprimento do que se ten constancia é o de entregar documentación con información falsa para o concurso do actual servizo do 061″.
Xestión directa da Consellaría
Este luns a representación sindical de CIG, CCOO e USO comunicoulle oficialmente a situación da empresa tanto ao Sergas como ao 061. No escrito solicitan formalmente que se execute o aval depositado por Simón nos contratos que ten coa Administración para que a Xunta asuma directamente a xestión das ambulancias e que a Consellaría de Sanidade abone os salarios ao persoal sanitario que continúa sen cobrar.