Deportes

Dous ouros e seis bronces galegos no ‘Open de España Sénior’ de Taekwondo

Disputado a pasada fin de semana en Alacante

Dous ouros e seis bronces galegos no 'Open de España Sénior' de Taekwondo

A selección galega de taekwondo logrou dous ouros e seis bronces no Open de España sénior de combate, que se celebrou o domingo en La Nucía (Alacante). Os ouros foron para Iván García e Tania Castiñeira, imparables no seu peso, mentres que Iago Mallo, Adrián Salanova, Lois Tomás, Javier Otero, Alma Pérez e Arlet Ortiz conseguiron a medalla de bronce.

Tania Castiñeira

Ouros

Iván García (Mat´s) venceu no peso pesado do Open de España, despois de gañar nos tres combates celebrados. Comezou a competición ante Daniel Murillo (España), un vello coñecido, ao que superou con moita comodidade en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse a Genis Gisbert, ao que venceu por KO no segundo asalto.

A final foi ante Andreu Pérez, no combate máis axustado, que se decidiu en tres asaltos, aínda que Iván sempre tivo a confianza de que se ía impoñer para acadar o ouro.

E tamén no peso pesado, pero na categoría feminina chegou o segundo ouro galego. Tania Castiñeira (Hebe) venceu catro combates para facerse co título. Miriam Ortega foi a primeira rival e Tania resolveu en dous asaltos e con bastante solvencia, igual que fixo a continuación ante Martina Campo.

Na semifinal houbo máis loita. Castiñeira enfrontouse á francesa Solene Avoulette, unha rival habitual para Tania nas competicións internacionais e con resultados de todo tipo, pero sempre moi axustados. E nesta ocasión foi igual: Un combate moi axustado que se decidiu no terceiro asalto a favor de Tania. A final foi ante a Dana Azran (Israel) e tamén ofreceron un combate moi igualado que se decidiu no desempate a falta de 10 segundos, cando Tania conseguiu impactar no peito da súa rival.

Bronces de Iago Mallo, Adián Salanova e Lois Tomás

Iago Mallo (-80, Tao) acadou a medalla de bronce despois de superar dúas roldas ante rivais de mellor ranking que o galego. Na primeira venceu a Vincent Hoermann (Alemaña) e nos cuartos de final deixou fora ao cabeza de serie número 3 do torneo, o francés Mohamed Mendy.

Na semifinal caeu eliminado ante o segundo favorito, Alejandro González, quen finalmente se fixo co ouro no Open de España.

En -68 quilogramos, Adrián Salanova (Maniotas Noia) logrou tamén un fantástico bronce, despois de vencer en tres combates e caer na semifinal ante Theo Lucien (Francia), cabeza de serie número 1 e medalla de bronce no Europeo de Manchester 2022. Lucien logrou impoñerse a Salanova en dous asaltos e finalmente tamén acadou a medalla de ouro no Open de España. O taekwondista galego eliminou, por este orden, a Francisco Sousa (Portugal), Miguel Moncef (Francia) e Matthew Howell (Gran Bretaña).

Lois Tomás (-63, Natural Sport Riveira) foi outro dos galegos galardoados en La Nucía, nun peso con 42 participantes. Para poder subir ao podio, Lois tivo que vencer a Cristian Vives (España), Luca Lucerna (Italia) e Aarón Zabaleta (España), a todos eles en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse a Napat Sritimongkol (Tailandia) e nesta ocasión non puido superar ao seu rival que, ademais, gañou o ouro.

Tamén de Javier Otero, Arlet Ortiz e Alma Pérez

En -54, Javier Otero (Natural Sport) sumou un bronce máis. O galego arrincou a competición ante Abdulla Abilkassym (Casaquistán) cunha vitoria en tres asaltos. Nos oitavos de final puxo fin ao camiño do francés Mehdi Amelhayi cun rotundo 2-0 e nos cuartos deu a sorpresa ao deixar fóra da loita polo ouro ao número 1 do torneo, o francés Mathis Alesio. Pero na semifinal xa non puido co español Jorge Cuenca.

Na categoría feminina, houbo dúas medallas galegas. Arlet Ortiz (Mat´s) logrou o bronce en -57 quilogramos, nun peso dominado por Laura Rodríguez. Arlet venceu a Isone Fernández nos oitavos de final en dous asaltos e nos cuartos superou a Judith Merlos en tres rounds, cun pouco más de esforzo. Na semifinal esperaba Laura Rodríguez e foi sen dúbida o combate máis complicado da madrileña que perdeu o único asalto do Open e tivo que ir ao desempate. Así, moi boa actuación de Arlet.

Pola súa banda, Alma Pérez (-53 quilogramos, Suh Sport) realizou catro combates no Open. Comezou ante María Teresa Vargas, unha rival descoñecida para Alma, pero a galega venceu en dous cómodos asaltos. A continuación, enfrontouse á francesa Iris Ducos, nun combate un pouco máis axustado, pero tamén resolto en dous rounds. E nos cuartos de final, tivo enfronte á francesa Leny Kamkasoumphou e tamén gañou en dous asaltos, aínda que o segundo estivo un pouco máis axustado.

Desta forma, Alma plantouse na semifinal onde volvía enfrontarse a Po-ya Su (China Taipei), coa que xa loitou varias veces e con malos resultados. Nesta ocasión, a galega estivo moito máis preto da vitoria. Perdeu o primeiro asalto, pero no segundo reaccionou e logrou gañalo cunha acción arriba. No desempate, houbo unha loita moi pechada na que gañou China Taipei por 6-4.

También te puede interesar