Comarcas

O Porriño rematará este mes a humanización das rúas Progreso e Buenos Aires

Logo de transformar a estrada PO-329 nunha rúa

O Porriño rematará este mes a humanización das rúas Progreso e Buenos Aires

Os traballos de humanización das rúas Buenos Aires e Progreso, no Porriño, rematarán neste mes de abril tras un investimento de case 1 millón de euros.

Así o avanza o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o tenente de alcalde do Porriño, Carlos Martínez, supervisou hai uns días a marcha das obras na estrada PO-329 ao seu paso polo centro urbano.

Protagonismo dos peóns

Menéndez explica que está a ultimar a reforma da vía autonómica ao seu paso polo centro urbano do municipio co obxectivo de transformar a estrada en rúa na que os coches cedan protagonismo aos peóns.

Así, habilitáronse beirarrúas máis amplas, reducindo para iso a anchura dos carrís de circulación co obxectivo de favorecer un tránsito máis cómodo e seguro para a veciñanza e primar os peóns fronte aos vehículos.

Ademais, reordenáronse as zonas de aparcadoiros, renováronse os pavimentos e mellorouse a iluminación coa instalación de 22 novos puntos e reforzos lumínicos nos pasos de peóns, para garantir unha maior seguridade.

Tal e como resaltou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, no proxecto tívose en conta a petición do Concello do Porriño e do Consorcio de Augas do Louro, aproveitando os traballos para acometer tamén unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento.

700 metros

A actuación abrangue un treito de case 700 metros da PO-329 e ten como obxectivo reforzar a seguridade dos peóns, ademais de mellorar a accesibilidade e o aspecto estético da vía, favorecendo a súa mellor integración na vida urbana do núcleo do Porriño.

Segundo as necesidades detectadas, dividiuse en diferentes ámbitos a zona da rúa Buenos Aires, no treito que vai desde a glorieta coa PO-511 e a PO PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55. Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade.

Nas proximidades da glorieta, acometeuse unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo os carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

Tras ese primeiro treito de actuación, os traballos avanzaron na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, acometendo a reordenación da calzada e a humanización da vía.

O treito máis complezo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, deixouse para o final, traballando co maior coidado para minorar as molestias e as afeccións.

Fase final

Nestes momentos, as obras están xa a ultimarse, unha vez acometidos os firmes eos pavimentos, as beirarrúas, os accesos, reordenadas as bandas de aparcadoiro, renovados as redes de abastecemento e pluviais e instalado o novo alumeado.

Nas próximas semanas avanzaranse no seu remate, coa disposición de mobiliario urbano, xardinería e rego, e sinalización horizontal e vertical.

También te puede interesar