Cultura

A Xunta aproba axudas de ata 150€ para quen adopte a un animal de compañía

Exactamente 150€ se é un can e 125€ se é un gato

A Xunta aproba axudas de ata 150€ para quen adopte a un animal de compañía

O presidente da Xunta anunciou hoxe que o Goberno galego concederá axudas de ata 150€ ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados de Galicia —39 na actualidade— co fin de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso.

“É unha das medidas comprometidas para os primeiros cen días do novo Goberno”, lembrou Alfonso Rueda. Deste xeito, o Consello da Xunta foi informado da próxima convocatoria por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destes novos incentivos, que se publicarán antes do verán, previsiblemente no mes de xuño, e contarán cunha dotación orzamentaria de 125.000 euros para este ano.

150€ para cans e 125€ para gatos

Rueda explicou que os importes máximos das axudas quedarán fixados en 150€ en caso de que o animal adoptado sexa un can e en 125€ se trata dun gato, sendo subvencionables os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico-sanitario dos exemplares no momento en que se lle entregue ao seu novo dono, de acordo cos requisitos que establece a Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Neste senso, as axudas da Xunta permitirán custear a totalidade dos gastos que teña que asumir a persoa adoptante, en caso de que o centro de recollida que se ocupaba do coidado e manutención do animal decida repercutirlle eses custos.

Arredor de 1.000 solicitudes en toda Galicia

Rueda apunto que, tendo en conta o orzamento dispoñible para esta primeira convocatoria e as contías máximas das subvencións previstas na propia orde (150 ou 125 euros), estímase que se poderán chegar a atender “arredor dun milleiro de solicitudes” no conxunto de Galicia, o que facilitará tamén que un milleiro de cans e gatos atopen así un fogar. En todo caso, avanzou que, “se fose necesario, ampliariase o crédito dispoñible”.

O presidente indiciu en que só poderán acollerse a estas novas axudas aqueles cidadáns que acrediten a adopción dun animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados e inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) —39 na actualidade— e sempre que esta se produza desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024.

Dous axudas, como máximo, por solicitante

Así mesmo, aclarou que cada solicitante poderá recibir axudas por, como máximo, dous animais de compañía. Ademais, apuntou que os beneficiarios deberán comprometerse a non transmitir a outra persoa a titularidade do animal que adopten mentres este siga vivo, “salvo casos de forza maior”, en referencia aos debidamente xustificados por razóns de enfermidade, incapacidade sobrevida ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante orixinal.

También te puede interesar