Galicia

Máis do 60% do persoal de oficinas e despachos secunda a folga total

Leva máis de 12 anos co convenio “paralizado”

Máis do 60% do persoal de oficinas e despachos secunda a folga total

O persoal de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra segue a amosar a súa determinación para “lograr un convenio colectivo que dignifique as condicións laborais do sector tras 12 anos sen melloras nin subas salariais. Este martes, respondendo á convocatoria da CIG, máis do 60% do persoal secundou a xornada de folga de 24 horas, tras os paros parciais desenvolvidos con anterioridade.

Ademais, un bo número de traballadoras participaron nos piquetes informativos e nas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, con concentracións diante de asesorías e despachos de avogados.

No Círculo de Empresarios

No caso de Vigo tamén houbo unha mobilización diante do Círculo de Empresarios de Galicia, e a xornada rematou cunha protesta na Porta do Sol, onde interveu a secretaria comarcal da CIG-Banca, Iria Salvande, que adiantou a disposición da central sindical a continuar promovendo protestas “até que logremos mellorar un convenio que é dos peores da provincia”.

Máis dunha década co convenio paralizado

Dende a CIG-Banca fan fincapé na importancia desta loita nun sector que leva 12 anos co convenio paralizado, “malia o que a patronal segue sen entender que non imos conxelar o complemento de antigüidade e négase a aceptar a realidade salarial do sector. Así,m aseguran que o “empresariado pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9€ brutos anuais, unha proposta da CEP que non recoñece a profesionalidade do persoal do sector nin o seu carácter esencial, como quedou claro durante os momentos máis duros da pandemia da covid”.

Tamén quere que a aplicación en táboas sexa dende o 1 de xaneiro deste ano, “mentres que para nós é innegociábel que a aplicación sexa dende xaneiro de 2023”. E négase a introducir unha cláusula de garantía salarial que operaría en casos de inflación disparada (como aconteceu nestes últimos anos).

Por iso na central sindical entenden que o único xeito de lograr o convenio “digno e xusto” que merecen os traballadores pasa pola mobilización. “Loitar é o único camiño para dignificar as nosas condicións de traballo e para adaptar os salarios á realidade económica actual, e non imos esperar máis tempo”.

Suspensión das negociacións

Inciden en que tanto Asime, a patronal do metal, como Anfaco, da industria conserveira “son dúas das empresas afectadas por este convenio que máis resistencia amosan para non alcanzar acordos xa que pretenden seguir pagándolle o salario mínimo ao seu persoal. E lembran que as súas pretensión empeorarían o actual convenio a pesar de que leva caducado dende 2011, “xa que agora aínda que cobran o SMI polo menos teñen plus de antigüidade, pero os plans do empresariado pasa pola súa conxelación”.

Un empresariado que non se está a tomar ben as mobilizacións do persoal, até o punto de que tras nove xuntanzas da mesa negociadora do convenio optou por suspender a reunión prevista para o pasado venres 12 -precisamente un día despois de que tivese lugar a segunda xornada de paros parciais-, tal e como comunicou a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP).

Continuará a folga

Ante esta situación, a folga continuará este martes, día 16, o mércores 17, xoves, 18 e venres 19 deste mes. Así mesmo, está convocada unha concentración diante da sede da CEP en Vigo, o xoves ás 19:30h.

También te puede interesar