Galicia

O presidente da Xunta súmase ao ‘adopta,non compres’

Alfonso Rueda visita o Centro de Protección de Animais da Deputación de Pontevedra

Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai convocar “nunhas semanas” a nova liña de axudas para apoiar aos cidadáns que adopten un animal doméstico de compañía cos primeiros gastos veterinarios.

Durante unha visita ao Centro de acollida e protección de animais da Deputación de Pontevedra (CANN), acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio climático, Ángeles Vázquez, Rueda animou á cidadanía a adoptar animais abandonados que residan en centros de recollida “porque merecen unha segunda vida”. “Se queren ter un amigo para a toda vida aquí teñen unha oportunidade”, indicou.

Para promover as adopcións, tal e como aprobou o Consello esta mesma semana, o Goberno autonómico vai dar axudas de ata 150 euros no caso dos cans e de 125 euros se se trata dun gato para financiar os custos da identificación con microchip, a desparasitación, a vacinación ou a esterilización dos animais.

A Xunta vai destinar 125.000 euros a esta convocatoria durante 2024 co obxectivo de promover a adopción dun millar de animais de compañía. A previsión é que cada cidadán interesado poida recibir axudas por dous exemplares, como máximo.

Para beneficiarse destas subvencións haberá que facerse cargo dun animal que estea sendo atendido nalgún dos 39 centros de recollida autorizados actualmente en Galicia -inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos-, facelo desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024 e comprometerse a non transmitir a titularidade do animal mentres este viva agás por motivos debidamente xustificados como enfermidade, incapacidade sobrevida ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante. O benestar animal é unha prioridade para o actual Goberno galego tal e como marca a Lei de protección e benestar dos animais de 2017.

Por iso, Rueda animou á cidadanía a adoptar unha mascota tendo en conta “a responsabilidade e obriga de coidados” que implica. Nesta liña, salientou que ten claro que “unha Galicia con máis mascotas, con mais amor polos animais será unha Galicia mellor

También te puede interesar