Comarcas

A alcaldesa de Tomiño pide unha “acción coordinada” coa Xunta para acabar coa praga de moscas

A praga altera a saúde psicolóxica e a calidade de vida dos veciños

A alcaldesa de Tomiño pide unha "acción coordinada" coa Xunta para acabar coa praga de moscas

O Concello de Tomiño busca solución á pragas de moscas, unha problemática que ven de hai máis dun ano atrás e está a afectar a outras vilas galegas. Dende o goberno municipal lembran que a competencia exclusiva nesta materia é da Xunta de Galicia “ao tratarse dunha praga que non recoñece de límites municipais territoriais”.

Neste sentido, o Concello instou á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) a convocar a vindeira semana unha reunión con todas estas localidades, na que estean presente as autoridades competentes da Xunta e con Sanidade animal, para abordar esta problemática ante a que a administración autonómica debe tomar medidas para minimizar outras pragas que se poidan producir ao longo do ano, como xa fixo no seu momento coas de avespa velutina ou de mosquito tigre.

“Resposta coordinada”

“Esta situación require unha resposta coordinada. Entendemos o malestar dos veciños e veciñas, especialmente nas zonas de máis afectación como son Carregal e Forcadela, porque aínda que se trata de insectos que non transmiten enfermidades, está a deteriorar a saúde psicolóxica das persoas que padecen estas pragas, ao seu benestar e á súa calidade de vida, recalca a alcaldesa, Sandra González.

Reunións con produtores e agricultores

Tras recibir os resultados do estudo realizado coa Universidade de Vigo, o Goberno municipal mantivo xa un encontro con produtores e agricultores e convocou para a vindeira semana unha reunión da mesa de traballo integrada por representantes de diferentes eidos para abordar esta problemática. O estudo realizado polo persoal investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal arroxa importantes conclusións sobre este tipo de aparicións explosivas e puntuais de moscas e recolle datos como o tipo de insecto que é, a súa duración, a eclosión ou os factores ambientais que contribúen á proliferación destes insectos. 

O Concello pon a disposición da Xunta este estudo e insta ao goberno autonómico a colaborar na elaboración dun manual de boas prácticas con agricultores e gandeiros para minimizar o impacto do agro na contorna. A alcaldesa sinala tamén a influencia do cambio climático, das elevadas temperaturas ou da alteración do medio natural, que como afirman as e os científicos, contribúe a agravar o problema das pragas de insectos. “Entre todas e todos temos que contribuír para previr e minimizar os danos”, resalta.

También te puede interesar