A Concellería de Medio Ambiente tivo coñecemento esta fin de semana pasada da chegada de varios exemplares de “lebres de mar” á Praia da Punta, en Cesantes. “Trátase dun molusco sen cuncha que xa ten aparecido noutras praias de Galicia”, pero que é a primeira vez que chega a Redondela, indican dende o Concello.
É unha especie totalmente inofensiva, que habita nas rías galegas, pero non é habitual a súa chegada aos areais. “Os temporais, con mar de fondo, e o aumento da temperatura da auga poden ser algunhas das causas que as desorientan e fan que cheguen á costa”. A súa presenza, indican dende a Concellería, é un
indicador do bo estado ambiental do medio mariño. Cando aparecen vivas entre as algas hai que procurar devolvelas ao mar, pero neste caso estaban todas mortas. De contado, deuse aviso ao servizo de Costas da Xunta, para a retirada dos exemplares.
Paseo de Cardona
Tamén en Redondela, neste caso en Chapela, desde o mércores, día 8, ata o venres, 10 de maio, realizaranse traballos de sinalización horizontal e pintado no Paseo de Cardona. Así, a Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade informa de que o tramo afectado vai desde o Centro de Deportes Acuáticos de Chapela ata o CEIP Laredo.
En concreto, o mércores estará prohibido aparcar en toda esta área para realizar traballos de limpeza, mentres que o xoves día 9 e o venres día 10 irase limitando o estacionamento por zonas. “Nas proximidades do colexio o pintado realizarase o venres”. Os traballos consistirán no pintado das prazas de aparcadoiro, pasos de peóns e liñas da estrada.
O concelleiro, Roberto Villar, sinala que esta sinalización xa estaba previsto realizala con anterioridade,
pero tivo que pospoñerse ata esta semana por mor do mal tempo.