Os dez alumnos traballadores do obradoiro de emprego “Porremprego Cualifica II” avanzan na súa formación en “Implantación de Tecnoloxías da Información e Comuniciación e a Economía Dixital na Administración” coa creación do arquivo dixital municipal.
Para a posta en marcha deste programa dual de formación e emprego impulsado polo Concello do Porriño, a administración local recibiu unha achega de 531.000€ da Xunta, á cal se suman 25.000€ de aportación municipal e 30.000€ de fondos autonómicos para incentivos para a contratación unha vez finalizada a formación.
Prestación de servizos reais
O alumnado-traballador foi contratado polo Concello o pasado mes de decembro, cando empezou a formación de 1.920 horas, incluíundo teoría e práctica. Durante este periodo acadarán os certificados de profesionalidade de “Gravación de Datos e Documentos I” e de “Actividades Administrativas en Relación ao Cliente II”. Adquirirán os coñecementos necesarios, mediante a realización de tarefas que responderán á prestación dun servicio real, con formadores específicos, e titorizados pola docente do Obradoiro de Emprego Miriam Sánchez e polos propios traballadores do Concello. Entre as súas funcións asignadas, salientan o tratamento de textos, datos e documentos, recompilación de expedientes administrativos e dixitalización.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que “co seu traballo contribuirán a mellorar os servizos municipais, desenvolvendo un valioso traballo de xestión e documentación e arquivos, que facilitará a xestión diaria nos diferentes departamentos municipais”.