O Consello da Xunta abordou hoxe un informe sobre a tramitación de emerxencia para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente da área de Vigo.
Esta contratación terá unha duración de seis meses, coa posibilidade de prórroga por outros tres, tempo que a Consellería de Sanidade, a través do 061 Galicia, arranxará a convocatoria dun novo contrato do servizo por procedemento aberto. A medida é consecuencia do “abandono” das súas obrigas da actual concesionaria, denunciada reiteradamente polos sindicatos.
“Servizo esencial”
Dende a Xunta subliñan que o servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo (que comprende os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo e Moaña) é un servizo esencial para a poboación que debe seguir a prestarse.
Desde o próximo día 1 de xuño
Así, o orzamento do servizo de transporte sanitario urxente terrestre na área de Vigo recollido neste procedemento de emerxencia ascende a 2.901.952,48 euros, IVE exento. Está prevista a posible prórroga, por un período de 3 meses e cun importe de 1.380.169,82 euros. O contrato de emerxencia fixa a entrada en vigor para a prestación do servizo no 1 de xuño de 2024.
“Garante a continuidade e a calidade do servizo“
Deste xeito, desde a Consellería de Sanidade aseguran que, a través do 061 Galicia, quedará garantida a continuidade e a calidade da prestación do servizo de transporte sanitario urxente e con este procedemento de emerxencia, trátase de “axilizar a contratación” do mesmo coa maior brevidade.