Quedan poucas entradas para a estrea en Vigo este venres, 24 de maio, de Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu que aposta por un formato semiacústico que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias.
A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario co medio cento de intérpretes da Orquestra Folk de Galicia.
Boa parte das butacas do Teatro Afundación García Barbón de Vigo para a viaxe polas melodías e ritmos destas Entreterras están xa ocupadas; pero aínda é posible adquirir entradas na plataforma ataquilla.com a prezos que oscilan entre os 12 e os 15€ máis gastos de xestión.
A continuación de Arraianos
O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”.
Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.
SÉS, Daniel Pereira Cristo e Hirahi Afonso
Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.
A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.
CONCERTOS ENTRETERRAS
24 de maio | 21.00 horas
Teatro García Barbón Afundación (Vigo)
Entradas: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-afundacion-vigo/17438–sondeseu-entreterras.html
2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras