Comarcas

A Deputación activa a creación de 725 empregos en 59 concellos

Mediante o Plan + Provincia

A Deputación favorece a creación de 725 empregos en 59 concellos

En pouco máis de catro meses e medio desde que comezou o 2024, a Deputación ten completado xa a asignación de recursos da liña 3, de emprego, do Plan +Provincia, destinando 8,5 millóns de euros a 58 concellos para a contratación de 725 persoas.

“Un impulso ao mercado laboral do que nos sentimos especialmente orgullosos, sobre todo cando se trata de concellos do rural, coa conseguinte fixación de poboación que isto supón”, afirmou o presidente do organismo provincial.

Luis López subliñou en rolda de prensa a súa felicitación ao persoal técnico da Deputación e dos concellos pola “axilidade, tanto na solicitude dos fondos como na resolución dos mesmos”. A mesma, subliñou o presidente, permitiu que se beneficiarán dos recursos da liña 3 do Plan +Provincia todos os concellos da provincia que o solicitaron.

Contratos laborais

Con estes 8,5 millóns de euros, 58 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes contratarán a un total de 725 persoas desempregadas para executar diferentes tarefas nos servizos municipais.

En liñas xerais, os concellos contratarán a entre 2 (Cangas) e 35 (Vilagarcía) traballadores e destinarán entre 33.000 € (Cangas) e 284.567 € (Vilagarcía) á contratación do persoal. Entre os postos de traballo máis demandados destacan os de peóns de obras públicas e forestais; persoal para limpeza; condutores; albaneis ou persoal para os servizos de mantemento; así como para conserxería e servizos xerais,; para administración e para parques e xardíns.

Tamén hai demanda entre os concellos de técnicos e guías de turismo; técnicos de Medio Ambiente e de Cultura; enxeñeiros forestais; publicistas; arquitectos; monitores de tempo libre; traballadores sociais; biólogos; socorristas e persoal de emerxencias, así como para o Servizo de Axuda no Fogar.

Preto de 2,7 millóns para investimentos en 12 concellos

Na mesma liña, a Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2,7 millóns de euros para que 12 concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia.

En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, Campo Lameiro, Covelo, Crecente, A Guarda, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño e Vilaboa. Servirán, en palabras do presidente provincial Luis López, para “traballos de conservación e mellora de camiños, para actuar en infraestruturas deportivas, mellorar parques infantís ou, entre outras iniciativas, acometer obras de rehabilitación enerxética”.

En total, o goberno provincial xa aprobou este ano 26,7 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Proxectos

Así, o presidente provincial remarcou algunhas das iniciativas que van acometer os concellos cos recursos provinciais. Proxectos como:

  • A fase I da creación dun novo punto limpo na Guarda, que recibirá 320.000€
  • Os 330.000€ cos que Tomiño achega a parte municipal correspondente ao plan provincial PON2030 para rehabilitar enerxeticamente a súa Casa da Cultura e outros equipamentos municipal.
  • Tamén destacou López os 500.000€ destinados a Sanxenxo no marco do +Provincia para humanizar un camiño en Arra e a contorna do pavillón de Baltar.
  • Ademais, Campo Lameiro, tal e como xa lle adiantou o presidente provincial ao seu alcalde, recibirá 160.000€ para a recuperación do espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Camiño Carballeira e outros 84.335€ para actuacións en camiños de Castro de Orto, Camiño Padín e Reboredo.
  • Do mesmo xeito, Luis López tamén lle adiantou ao alcalde de Ponte Caldelas que recibirá 158.000 € do Plan +Provincia para renovar o campo de céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia, que tiña recibido xa outros 47.800€ do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
  • Así mesmo 200.000 € que recibirá Vilaboa para o reasfaltado de vías municipais en Cavada Chan, Paredes e Muíño
  • Outros218.668€ para o acondicionamento como espazo de centralidade da contorna da Carreira dos Bolos na Pedreira, en Soutomaior;
  • 64.021€ para a conservación e mellora dun camiño nas Cachadas, en Ponteareas
  • Ademáis de 83.909€ para melloras en camiños municipais de Baiona.
  • 91.598€ para pavimentar camiños de formigón na Lamosa, Casteláns, Barcia de Mera, Maceira e Godóns en Covelo;
  • 105.545€ para a reconstrución da rodadura en zonas da rúa Fernández Areal, Camiño Fontevella e rúa Pego no Porriño.
  • Outros 169.512€ para reparacións e melloras dos parques infantís municipais da praza do concello e do centro de Barrantes en Ribadumia.
  • Finalmente, 64.271€ para que Crecente achegue a parte municipal correspondente ao plan provincial PON2030 para a renovación de equipamento no seu campo de fútbol e outros 127.033,80€ para que o goberno local pavimente vías en Ameixeira, Padrosos, Uceira, Seixal, Pazo e Quintas.

También te puede interesar