Comarcas

Patos acolle o Campionato de España de Surf Adaptado

E están en xogo varias prazas para o Campionato do Mundo

Patos acolle o Campionato de España de Surf Adaptado

Nigrán será novamente a tarde deste sábado 25 de maio sede do verdadeiro surf universal coa celebración do Campionato de España de Parasurf, evento deportivo que celebra a súa cuarta edición consecutiva en Patos.

O areal acolleu hai dúas semanas o trofeo ‘Concello de Nigrán’ para persoas con discapacidade intelectual de toda a comarca e agora será o escenario da competición entre os 35 mellores deportistas con discapacidade física de toda España.

En xogo a clasificación para o Campionato do Mundo

Aquí se xogan a súa clasificación para o Campionato Mundial en California estrelas como Sarah Almagro, marbellí amputada aos 18 anos de mans e pés e referencia internacional neste deporte; Daniel Muller, canario de orixe alemá sen mobilidade nas pernas; Audry Pascual, surfista madriñeña sen mobilidade nas pernas e referente tamén no ski; os vascos Aitor Francesena ‘Gallo’, invidente e bicampeón do mundo, e Ibon Oregi, subcampión do mundo con unha soa extremidade; ou o coruñés Dani Souto, con discapacidade visual e campión de Europa.

E o Campionato Galego

Por outra banda, tamén se celebra o Campionato Galego de Parasurf. Os deportistas compiten agrupados en diferentes categorías en mangas de 20 minutos atendendo a súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a ola sentados ou tumbados…).

O evento deportivo está promovido desde Quenlla Surf Clube (único clube galego adicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Fundación Bimba y Lola, Xunta de Galicia, e Concello de Nigrán con financiación a través do ‘Plan + Provincia’ da Deputación de Pontevedra.

Ademais do espectáculo na auga, os asistentes poderán gozar no bar Maui de simuladores de surf en seco en pantalla de plasma, unha exhibición de como se fabrica unha táboa, música, Dj…

“O deporte trasmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis”, considera Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor do campionato.

“Un só ten a altura deportiva dos rivais cos que se mide, e nese sentido teño aos mellores: son exemplos de superación e de vida“, explica Senén Jalda, deportista de Quenlla afectado desde a infancia cunha parálise cerebral que lle afecta á motricidade. El participará mañá no campionato despois de quedar cuarto o ano pasado, cando só levaba un par de meses practicando, polo que espera superar esta marca. Do clube nigranés Quenlla estará tamén competindo Paulo Cabezas, surfista cego parcial subcampión de España.

También te puede interesar