Destacados Vigo al minuto

Chamamento para a conservación de ‘La Artística’

Empresa viguesa referente mundial no seu sector

Chamamento para a conservación de 'La Artística'

Ante a inminente aprobación do novo PXOM, dende as asociacións A. C. As da Industria, A. V. Curva de San Gregorio, Asociación de comerciantes Barxa de Buíde, Defensa Parque García Picher, Amigas das árbores Vigo, Vigo Baleiro e Newt Crafts , fan un chamamento á cidade pola conservación e posta en valor do patrimonio industrial dos noso barrios. Neste caso dunha empresa viguesa referente mundial no seu sector, “La Artística”.

Historia

Debido á alta demanda da puxante industria conserveira viguesa a comezos do século XX José Suárez Pumariega, natural da Coruña, funda en 1903 no Areal de Coia “La Artística” como fábrica de envases metálicos litografados.

Debido aos problemas de abasto de materias primas e maquinaria derivados da 1ª Guerra Mundial, en 1916 crean unha nova división, un taller de fabricación de máquinas para a propia fábrica. O aumento da demanda fainos crear en 1921 “Talleres Mecánicos Alonarti, S.A.” para “a fabricación e a reparación de maquinaria”.

O principal fito de La Artística chega nos anos 50 coa introdución do peche por goma líquida nas latas. En Talleres Alonarti preséntase en 1950 a primeira máquina engomadora da Artistíca-Alonarti, que engomaba 60 latas ao minuto. “La Artística” ten unha das patentes de goma máis importantes. A empresa viguesa é líder mundial no seu sector, exportando o 90% da súa produción e tendo na súa carteira de clientes marcas como Coca-Cola, L’Oréal, Nestlé ou Heineken.

Deseño

O complexo de La Artística no Areal de Coia foi deseñado na súa maioría por Jacobo Esténs (Talleres Alonarti, edificio de servizos, Alonarti Envases, La Artística Manufacturas de hoja de lata —Tomás Bolívar—) e Alberto Baltar Tojo (oficinas e laboratorios). Tras a demolición do bloque de Alonarti Envases, consérvanse as oficinas, a fábrica de latas, o edificio de servizos e os talleres Alonarti.

Destes só os dous últimos teñen protección no PXOM, permitindo, no caso dos Talleres Alonarti, desmontar a fachada e movela onde se considere na parcela.

Propostas

“Lembrando falsas postas en valor como a estación de tren ou La Metalúrgica”, estas asociacións piden a conservación dos elementos da Artística no lugar no que foron construídos “e propoñemos os seguintes usos e aproveitamentos dos espazos”:

  • La Artística Química: Demolición das naves, conservando algún elemento estrutural característico a modo de ornamento para dar lugar a unha nova praza pública interior que vertebre a comunicación entre os distintos inmobles e dinamice o espazo.
  • Metalográfica, Almacéns e Servizos: Que estes dous edificios se integren nun só volume e alberguen vivenda, conservando as fachadas e os elementos estruturais e ornamentais máis característicos, ou ben que alberguen a Biblioteca Pública do Estado. Consideramos esta unha ubicación ideal, ao carecer o barrio dunha biblioteca a máis de 2 km e a proximidade do campus da cidade da UVigo, a UNED e o IES Politécnico. Neste momento de emerxencia climática no que nos atopamos, debemos priorizar a restauración e o aproveitamento de inmobles sobre a obra de nova planta.
  • Talleres Alonarti: Conservación íntegra de Talleres Alonarti, na súa ubicacion orixinal, incluído o depósito, e que este espazo se dedique a asociacionismo, como se fixo con outros elementos de patrimonio industrial (a A.V.V. Val de Fragoso é a antiga subestación de Fenosa).
  • Oficinas e Laboratorios: Que estas instalacións, recoñecidas polo COAG como un dos elementos máis representativos da arquitectura de Vigo do século XX no seu libro “GUÍA DE ARQUITECTURA DE VIGO 1930-2000” se empreguen para usos dotacionais, sociais, asistencias, escola infantil ou club de xubiladas e xubilados.
  • Edificabilidade: Concentrar a edificabilidade nas ruínas de Alonarti Envases e nos soares en ruínas da rúa Coruña, espazos que melloran en habitabilidade coa nova praza pública.

También te puede interesar